Rusia e Ucraína intercambian máis de 400 prisioneiros

A OTAN, incluída España, acorda a compra de 1.000 mísiles Patriot
Militares ucraínos, esta cuarta feira, momentos despois do intercambio. (Foto: Volodimir Zelenski)
photo_camera Militares ucraínos, esta cuarta feira, momentos despois do intercambio. (Foto: Volodimir Zelenski)

As autoridades de Rusia e Ucraína efectuaron esta cuarta feira un intercambio de prisioneiros do que se beneficiaron máis de 400 persoas, segundo confirmaron ambas as partes, ao informar dun troco no que Emiratos Árabes Unidos exercería de mediador. 

"Hoxe recuperamos máis de 200 combatentes e civís do cativerio ruso", celebrou en redes sociais o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, que incidiu en que agúns destes prisioneiros participaran na defensa da localidade de Mariúpol e da acería de Azovstal. 

O mandatario ucraíno prometeu que fará "todo o posíbel" para que poidan volver á Ucraína "todas" as persoas que seguen en "mans de Rusia" e agradeceu a quen traballaron para lograr que, "pese a todas as dificultades", se puidera efectuar este último intercambio. Zelenski tamén difundiu nas redes imaxes dalgúns destes prisioneiros. 

O Ministerio de Defensa de Rusia, pola súa parte, confirmou a liberación por parte de Ucraína de 248 militares rusos, nunha nota na que informou da mediación emiratí. Moscova prometeu que brindará asistencia médica e psicolóxica a todos eles, evacuados en avións militares de Rusia a instalacións vinculadas ao propio Ministerio.

Mísiles Patriot

Unha coalición de varios Estados da OTAN, que inclúe España, Alemaña, Países Baixos e Rumanía, acordou a compra de até 1.000 mísiles de guía mellorada Patriot co apoio da Axencia de Adquisicións e Apoio da OTAN (NSPA), segundo informou onte a propia organización militar.

A NSPA apoiará a coalición cun contrato por unha cantidade combinada de até 1.000 mísiles, cuxa produción e entrega fica adxudicada á empresa alemá Comlog, dentro da iniciativa Escudo Ceo Europeo (ESSI, polas súas siglas en inglés).

Comentarios