Estados Unidos e China presionan por un acordo de Bruxelas con Grecia

O ex-presidente da Comisión Europea e do goberno de Italia, Romano Prodi, afirma nunha entrevista en ‘La Vanguardia’ que “as grandes potencias” non queren “máis convulsións”.

Barack Obama e Durao Barroso
photo_camera Barack Obama e Durao Barroso

“Creo que finalmente haberá un acordo [entre as institucións e Grecia]. En primeiro lugar, porque internacionalmente hai moitas forzas implicadas en evitar máis turbulencias”. Romano Prodi, ex-presidente de Italia e ex-presidente da Comisión europea (1999-2004) debulla nunha entrevista en ‘La Vanguardia’ o que está a acontecer estes días após o referendo grego. Prodi sostén que “Estados Unidos non quere alterar os mercados financeiros”, algo que tamén lle interesa a China, “que inflúe menos que os EUA sobre Angela Merkel, mais que ten a súa influencia e como potencia económica quere unha alternativa ao dólar”.

Prodi ten claro que as “grandes potencias” non queren “que o euro volva convulsionar os mercados”. Iso si, o italiano recoñece que sempre hai imprevistos que “poden provocar problemas”. O veterano político recoñece que na eurozona os estados “sométense a Alemaña” e pide a Francia, Italia e España que “se alíen para facer unha política diferente”.

Retómanse as negociacións

Esta terza feira retómanse as negociacións para tentar resolver o problema da Grecia e da zona euro. A xuntanza dos ministros de Economía e Finanzas vai contar xa coa presenza do novo responsábel grego, Euclides Tsakalotos. A chanceler alemán e o presidente francés manteñen que "a porta das negociacións continua aberta", mais avisan que o primeiro-ministro grego, Alexis Tsipras, é quen ten que levar propostas concretas a esta reunión.

Comentarios