Comisión europea a Atenas: ‘’O 'non' complica a procura dunha solución”

O vice-presidente da Comisión europea e comisario para o euro, V. Dombrovskis, compareceu para “lamentar” o “futuro incerto” que, afirma, se abre após o resultado do refrendo grego.

VLADIS DOMBROVSKIS ue
photo_camera V. Dombrovskis, comisario do Euro

O vice-presidente da Comisión europea para o euro, Vladis Dombrovskis, compareceu esta segunda feira para dicir que após o resultado do refrendo grego ábrese un “futuro incerto” e subliñar que para retomar as negociacións con Atenas sobre rescate é mester un mandato do Euro-grupo, pois o anterior expirou.

Dombrovskis reiterou que o resultado gañador (o voto Non) contribúe a aumentar a distancia entre Atenas e a Eurozona e mesmo afirmou que o ‘Non’ debilitou a posición do goberno grego pois fai máis difícil as negociacións.

“É evidente que o ‘Non’ complicou a procura dunha solución. A Comisión sempre está disposta a procurar unha solución mais para negociar precisamos un mandato do Eurogrupo”, dixo o vice-presidente. Se ben manifestou que o lugar de Grecia “está en Europa”, queixouse do “retraso” de Atenas á hora de realizar as reformas comprometidas en troques do programa de rescate. Dombrovskis pediu “honestidade” ao goberno de Syriza na presentación das novas propostas.

Eurogrupo

Nun comunicado emitido nesta segunda feira, os ministros de Finanzas e Economía da Eurozona exixen que sexa Atenas quen ofreza “novas propostas” na xuntanza extra-ordinaria que o Eurogrupo fai realizar mañá, terza feira, a partires das 13:00 horas.

Comentarios