Crise sanitaria

Sete Estados da UE fechan por completo as fronteiras para frear o coronavirus

As análises expertas consideran que a medida, en contra tamén das recomendacións da Comisión Europea e que pon en perigo o espazo Schengen, non é necesaria.

EuropaPress_2720211_16_march_2020_bavaria_neuhaus_am_inn_police_officer_is_stands_at_checkpoint
photo_camera Control da Policía alemá na fronteira con Austria (Sven Hoppe / dpa)

"Algúns controis poden estar xustificados, mais a prohibición xeral de viaxe non se considera unha medida efectiva por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS)", explicaba na pasada sexta feira, 13 de marzo, Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea a respecto das medidas para loitar contra a expansión do coronavirus.

Son medidas, dicía, que "teñen un forte impacto social e económico", ademais de afectar as vidas da cidadanía das zonas fronteirizas. Poucas horas despois, Dinamarca, Polonia e República Checa pechaban as súas fronteiras, que elevan a día de hoxe canda Chipre, Letonia, Lituania e Eslovaquia, a sete o número de Estados que prohiben a entrada de calquera persoa non nacional.

Feches parciais

Entre outros países que tomaron medidas de control de fronteiras máis reducidas está Alemaña, que desde ás 8.00 horas de hoxe, segunda feira, 16 de marzo, ten fechadas as súas sus fronteiras con Francia, Austria, Suíza, Luxemburgo e Dinamarca. Con todo, os transportes de mercancías e as traballadoras e traballadores transfronteirizos poden seguir cruzando.

Austria estabeleceu restricións na súa fronteira terrestre con Italia, o país máis golpeado da UE, desde o 11 ao 21 de marzo. E Hungría realizará inspeccións nas súas fronteiras con Eslovenia e Austria desde o 12 ao 22 de marzo.

Tamén na Península Ibérica, os Gobernos español e portugués acordaron no domingo a limitación dos movementos con fins turísticos ou de lecer, sen chegar a fechar as fronteiras, aínda que na práctica supoña o confinamento de ambos os dous Estados, salvo para intercambios comerciais.

O espírito da UE, en perigo

Bruxelas ve nos controis nas fronteiras terrestres e en portos e aeroportos e portos unha ameaza á liberdade de movemento dentro da UE e a constatación da falla de cooperación entre os Estados membros, que ademais toman medidas contrarias ás recomendadas polo Executivo europeo. Considera que o o espazo Schengen e a propia filosofía da UE están en perigo.

Comentarios