Israel bombardea Gaza na fin do ramadán

A relatora da ONU pide á UE que actúe para acabar o xenocidio.
Mesquita destruída polos bombardeos israelís na Faixa de Gaza, a cuarta feira. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)
photo_camera Mesquita destruída polos bombardeos israelís na Faixa de Gaza, a cuarta feira. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)

Incumprindo a resolución do Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU), que exixía un alto o fogo inmediato durante o ramadán, unha celebración que constitúe un dos alicerces da relixión musulmá, Israel lanzou unha vaga de ataques a cuarta feira contra Gaza, entre eles ao campo de refuxiados de Nuseirat, no último día da festividade.

Case 33.500 persoas foron asasinadas polo réxime de apartheid sionista no territorio palestino de Gaza desde outubro, máis de 40% delas crianzas, nunha situación que para a vicesecretaria xeral da ONU, Amina Mohammed, implica que a humanidade perdeu o seu “compás moral”, insistindo en que “non vemos que Gaza son persoas”.

Bruxelas debe "actuar"

A relatora do organismo internacional para Palestina, Francesca Albanese, reclamou á Unión Europea “actuar” para acabar co xenocidio en Gaza, instando a “un embargo de armas e petróleo”, ademais “doutras medidas económicas e políticas” contra Israel.

Até o de agora Bruxelas non pediu sequera un alto o fogo que si solicitou o principal aliado e provedor armamentístico israelí, os Estados Unidos.

O seu presidente, Joe Biden, acusou o primeiro ministro do Goberno de ultradereita israelí, Benjamin Netanyahu, de errar na agresión militar, reiterando a súa petición de que “simplemente pidan un alto o fogo” de até dous meses, en liña coa posición israelí de continuar con posterioridade coa ofensiva.

Críticas a Sánchez

Ao tempo, o presidente español, Pedro Sánchez, aseverou que o Estado está “preparado” para recoñecer o Estado de Palestina, mais sen asumir as reclamacións de forzas soberanistas e progresistas, incluída Sumar, que comparte Goberno de coalición co PSOE, para aplicar un embargo ou romper relacións.

Comentarios