A esquerda xa festexa o triunfo en Honduras

A candidata Xiomara Castro adianta en 15 puntos o seu rival, cando o escrutinio supera xa o 50%. Os hondureños elixen nas urnas o sucesor do presidente Juan Orlando Hernández, cuestionado por corrupción e cuxo partido sería desbancado tras 12 anos do poder, ao que chegou tras o "golpe brando" contra Manuel Zelaya.

 

xiomara castro

A candidata do Partido Libre, Xiomara Castro, quen vai en alianza co partido Salvador de Honduras e a partido Innovación e Unidade-Social Demócrata ( PINU-SD), encabeza os resultados das eleccións xerais de Honduras, dado a coñecer polo Consello Nacional Electoral (CNE) na noite do domingo.

Un avanzo que apunta á vitoria da esquerda, que xa prognosticaban en boa medida moitas das enquisas e sondaxes. Castro xa recibiu nestas horas os parabéns de diferentes presidentes, como NIcolas Maduro. 

Xiomara Castro do Partido Libre. Castro, dona do mandatario derrocado, Manuel Zelaya, preséntase por segunda vez á presidencia do país após ser derrotada en 2013 nuns comicios marcados pola fraude. A súa candidatura agrupa un amplo conglomerado de formacións nacionalistas e antiimperialistas, entra elas a liderada polo xornalista e candidato da oposición en 2017, Salvador Nasralla.

Co 51% das actas escrutadas, Xiomara Castro obtén 53.6% dos votos, seguida polo candidato do dereitista Partido Nacional, Nasry Asfura, (33,9%), e no terceiro posto figura Yani Rosenthal, do Partido Liberal (9,2%).

En total procesáronse até primeira hora desta segunda feira (hora galega) 1,407,214 votos nos 18 departamentos do país.

Das 18.293 Xuntas Receptoras de Votos (XRV) distribuídas en todo o país en 5.755 centros de votación, o CNE escrutou 7.124 actas no nivel presidencial, equivalente a un 40%.

Os comicios, nos que participaron 14 partidos e doce candidatos presidenciais, foron observados por máis de 400 enviados especiais da Unión Europea, a Organización de Estados Americanos ( OEA), a Unión  Interamericana de Organismos Electorais ( Uniore) e  expresidentes latinoamericanos.

Comentarios