A esquerda lidera todas as enquisas en Honduras

Honduras escolle novo presidente este domingo. A totalidade das enquisas difundidas na última semana sitúan como candidata máis votada Xiomara Castro, dirixente do Partido Libre, formación fundada por Manuel Zelaya, antigo presidente do país derrocado en 2009 por un golpe de Estado promovido polos Estados Unidos.
Acto de campaña en Tegucigalpa en apoio a Xiomara Castro. (Foto: Europa Press)
photo_camera Acto de campaña en Tegucigalpa en apoio a Xiomara Castro. (Foto: Europa Press)

O domingo 28 de novembro máis de 5 millóns de hondureñas e hondureños están chamados a elixir o presidente da nación, 128 deputados, 298 alcaldes e máis 2.000 concelleiros. As eleccións decorren nunha conxuntura complicada, con perto de 40% da poboación en pobreza extrema e con máis de 73,6% en estado de pobreza. Segundo as cifras da Unidade Técnica de Seguridade Alimentaria e Nutricional (Utsan) 1,3 millóns de persoas enfrontan inseguridade alimentaria e case 350.000 unha “situación crítica”.

O país encabeza as taxas de desemprego da rexión centroamericana. 10% da poboación activa atópase no paro e a única opción para un número cada vez superior de persoas é a emigración irregular cara aos Estados Unidos, porén a inmensa maioría delas están a ser retidas nas fronteiras dese país. Ao tempo, a débeda pública supera no último ano 70% do Produto Interior Bruto (PIB) e os gastos militares consomen máis da metade do orzamento estatal.

O economista do Foro Social de Débeda Externa e Desenvolvemento de Honduras (Fosdeh) Ismael Zepeda considera que “nos últimos 10 anos Honduras tivo unha franco deterioro, non só no Estado de dereito en xeral, na institucionalidade democrática, no acceso da poboación aos servizos básicos ou na loita contra a pobreza, senón tamén no ámbito social e económico. Cando un mira todos estes indicadores, dáse conta que máis que de Estado fracasado debemos falar de Estado falecido”. 

Dezaseis candidatos aspiran á presidencia do país pero só tres deles teñen posibilidades reais de lograla. Á cabeza de todas enquisas sitúase Xiomara Castro do Partido Libre. Castro, dona do mandatario derrocado, Manuel Zelaya, preséntase por segunda vez á presidencia do país após ser derrotada en 2013 nuns comicios marcados pola fraude. A súa candidatura agrupa un amplo conglomerado de formacións nacionalistas e antiimperialistas, entra elas a liderada polo xornalista e candidato da oposición en 2017, Salvador Nasralla.

A corrupción do oficialismo 

Nasry Asfura Zablah do Partido Nacional é o principal competidor de Castro. Empresario con máis de 30 anos ocupando responsabilidades gobernamentais e lexislativas, alcalde de Tegucigalpa, a capital do país, durante dous períodos entre 2014 e 2022 o seu nome estivo ligado a diversas sociedades offshore no Panamá e a diversos casos de corrupción polos que está sendo actualmente xulgado. O seu programa destaca polo seu conservadorismo no social e o neoliberalismo no económico.

O terceiro candidato en disputa é o banqueiro Yani Rosenthal. Membro dunha das familias máis adiñeiradas da rexión, pasou tres anos no cárcere nos Estados Unidos tras ser condenado por participar en transaccións monetarias con bens de procedencia ilícita, regresando ao país en 2020.

Recentemente, os coñecidos como Pandora Papers revelaron a conexión existente entre a familia Rosenthal e varias sociedades offshore empregadas para lavar diñeiro.

As enquisas coinciden en confirmar Castro como a candidata con máis apoio, amosando unhas tendencias semellantes. Neste sentido, a sondaxe elaborada polo Centro de Estudos para a Democracia (Cespad) outorga a Castro 38% dos votos, a Asfura 21% e a Rosenthal 3%, porén tense rexistrado unha mellora deste candidato na última semana. A vitoria da oposición é xeral no conxunto do país, coa excepción de Tegucigalpa, onde os estudos de opinión sitúan como gañador a Asfura nas presidenciais e o seu partido nas locais.

Comentarios