A esquerda panafricana, perto da vitoria nas presidenciais do Senegal

Faye sería o novo mandatario tras ser liberado a mediados de marzo
Papeletas de Diomaye Faye nas votacións o domingo no Senegal. (Foto: Nicolas Remene / Europa Press / Contacto)
photo_camera Papeletas de Diomaye Faye nas votacións o domingo no Senegal. (Foto: Nicolas Remene / Europa Press / Contacto)

“Os colexios electorais falaron” o domingo, e os primeiros resultados “non deixan ningunha posibilidade para unha segunda volta nas eleccións presidenciais”, ratificou a segunda feira o xornal senegalés Le Quotidien, que reportou as celebracións no país africano logo de divulgarse os datos provisorios das votacións, e que non serán definitivos até finais desta semana, cando está previsto o anuncio oficial.

Todo indica que Bassirou Diomaye Faye, de 44 anos, converterase no novo mandatario do Senegal, devolvendo os progresistas ao poder após 24 anos, ao obter máis da metade dos sufraxios con máis de 20 puntos de distancia con respecto ao candidato gobernamental, Amadou Ba, da conservadora Alianza pola República.

A pesar de que a inmensa maioría de candidaturas presidenciais aceptaron os resultados e felicitaron Faye, a contorna de Ba segue a insistir en que confían en que haxa unha segunda volta, para o que ninguén tería que superar 50% das papeletas.

Liberado hai menos de dúas semanas

Faye foi liberado de prisión en marzo, onde acabara no marco da persecución contra a súa formación, a progresista e panafricanista Patriotas Africanos do Senegal polo Traballo, a Ética e a Fraternidade (Pastef), prohibida o pasado ano.

As eleccións estiveron marcadas pola decisión do presidente Macky Sall de atrasar os comicios, desatando protestas duramente reprimidas, con catro persoas asasinadas e centos presas, antes de recuar ante unha orde da Xustiza.

Eslovaquia

O vindeiro 6 de abril decorrerá en Eslovaquia a segunda volta das presidenciais entre o conservador Ivan Korcok e o progresista Peter Pellegrini, próximo ao primeiro ministro Robert Fico.

Comentarios