O eslovaco Robert Fico consegue un acordo de coalición de Goberno

O líder do partido Smer é contrario a enviar armas a Ucraína.
Robert Fico, no centro, anunciou a coalición xunto aos seus socios. (Foto: Jaroslav Novak / TASR / DPA)
photo_camera Robert Fico, no centro, anunciou a coalición xunto aos seus socios. (Foto: Jaroslav Novak / TASR / DPA)

Smer, o partido do ex primeiro ministro eslovaco, Robert Fico, asinou esta cuarta feira un acordo con outras dúas formacións para gobernar en coalición durante a nova lexislatura, o que lle permitirá a volta ao poder. A de Smer foi a lista máis votada, con 23% dos sufraxios, nos comicios do pasado 30 de setembro, e liderará unha Administración xunto a Voz-Socialdemocracia e ao conservador Partido Nacional Eslovaco. As tres partes da futura coalición suman 79 dos 150 escanos do Parlamento de Eslovaquia.

A alianza garante a Fico un apoio suficiente para consolidar o encargo da presidenta eslovaca, Zuzana Caputova, de intentar formar Executivo. Peter Pellegrini, de Voz, farase coa Presidencia do Parlamento, mentres que o líder de Smer asumirá o liderado do Goberno.

A formación de Fico, contraria a enviar máis armamento a Ucraína, tamén se reservou o Ministerio de Exteriores, no que semella unha mala nova para a estratexia da Unión Europea (UE) de apoiar a Kíiv. Con todo, o resto de carteiras aínda están en proceso de negociación entre as tres forzas.

Comentarios