Sall comprométese a convocar eleccións en Senegal despois do revés da Xustiza

O Consello Constitucional invalida a suspensión dos comicios.
Macky Sall. (Foto: Europa Press / Contacto / Beata Zawrzel)
photo_camera Macky Sall. (Foto: Europa Press / Contacto / Beata Zawrzel)

A oficina do presidente senegalés, Macky Sall, indicou hoxe que “levará a cabo sen demora as consultas necesarias para organizar o antes posíbel as eleccións presidenciais”, e a Comunidade Económica de Estados de África Occidental (Cedeao), demandou ás “autoridades competentes” que fixen data para os comicios.

Poucas horas antes, o Consello Constitucional sentenciou como contraria á Carta Magna a decisión de Sall, que non se presenta á reelección, de suspender a comezos de febreiro as votacións previstas para o 25 deste mes, avalada polo lexislativo, e programalas o 15 de decembro.

Esta medida, que o mandatario de Senegal xustificou polo choque entre a Asemblea Nacional e o Consello tras a creación dunha comisión de investigación contra dous maxistrados pola negativa a autorizar unha candidatura presidencial por non cumprir os requisitos, provocou protestas masivas de grupos opositores, que exixían que se mantivese a convocatoria electoral.

Tres mortes nas protestas

Até tres persoas morreron no contexto da represión das mobilizacións, que proseguiron incluso cando o Executivo optou por prohibilas e bloquear o acceso a internet desde teléfonos móbiles.

O veredicto produciuse despois de que dous ex presidentes senegaleses, Abdoulaye Wade e Abdou Diouf, apoiaran o proceso de diálogo impulsado por Sall, cuxo mandato expira en teoría o 2 de abril, para intentar saír da crise.

Descartado o 25 de febreiro

A corte destacou, “ao constatar a imposibilidade de organizar as eleccións presidenciais na data inicialmente prevista”, que as autoridades teñen que proceder canto antes á súa organización, nun dos considerados entre os Estados máis estábeis de África.

Comentarios