Honduras non acepta o "roubo" nas eleccións e botarase ás rúas

O Partido Libre denuncia que o Tribunal Supremo Eleitoral excluíu das urnas o 40% os votos que foron parar á súa candidata, Xiomara Castro.

xiomara
photo_camera Xiomara Castro [Imaxe: Prensa Latina]


Honduras sairá ás rúas para rexeitar o "roubo" que o Partido Libre di que se produciu nas eleccións desta fin de semana. Segundo denunciou o coordenador nacional desta forza e tamén ex presidente, Manuel Zelaya, o Tribunal Supremo Eleitoral deixou fóra das urnas o 40% dos votos que foron parar á candidata Xiomara Castro, polo que defenderán "o respecto á vontade popular" con mobilizacións "pacíficas".

"Imos defender cada deputación, cada alcaldía, cada urna", defendeu Zelaya, a quen un golpe de estado apartou da presidencia en 2009. A crise política desatada daquela prolóngase agora coas denuncias de fraude eleitoral que chegan dos dous principais partidos da oposición: Libre, de Xiomara Castro; e Partido Liberal, de Mauricio Villeda e en cuxas listaxes obtivera Zelaya a presidencia.

O ex presidente de Honduras denunciou tamén que o candidato oficialista, Juan Orlando Hernández, quixo negociar con Xiomara Castro. "Non hai ningunha negociación que traizoe a vontade do pobo", proclamou Zelaya. O golpe de estado contra el, amparado polos EUA, evitou que se acometese unha reforma constitucional. É este o principal punto no programa eleitoral de Xiomara Castro.

Comentarios