Turquía prepárase para unha tensa segunda volta entre Erdoğan e Kiliçdaroğlu

Ningún dos candidatos á Presidencia lograría superar o 50% dos sufraxios após unha primeira volta electoral protagonizada polo cruzamento de acusacións entre Goberno e oposición.
Erdogan depositando o seu voto este domingo. (Foto: Presidencia de Turquía)
photo_camera Erdogan depositando o seu voto este domingo. (Foto: Presidencia de Turquía)

Após case unha década como presidente de Turquía —e entre 2003 e 2014 como primeiro ministro—, Recep Tayyip Erdoğan (Partido da Xustiza e o Desenvolvemento) podería perder o poder en favor do candidato á Presidencia Kemal Kiliçdaroğlu, do Partido Republicano do Pobo. Con máis de 99% do voto escrutado, e con acusacións cruzadas de xogo sucio entre Goberno e oposición, ningún dos presidenciábeis alcanzaría a maioría absoluta, polo que o país quedaría en mans do que decidisen as urnas nunha segunda volta.

A axencia de noticias Anadolu sitúa o actual mandatario en cabeza, segundo as últimas informacións, con 49,3% dos sufraxios, cunha vantaxe de cinco puntos sobre o seu principal perseguidor, Kiliçdaroğlu, que sumaría arredor de 45%. Máis lonxe, con pouco máis de 5%, ficaría o ultradereitista Sinan Oğan, da Alianza Ancestral.

Os datos ofrecidos polos medios estatais, considerados 'oficialistas' pola oposición, levaron Erdoğan a afirmar a última hora da noite deste domingo que ficaba "moi por diante" dos seus rivais políticos. "Se a decisión da nosa nación mostra que as eleccións presidenciais remataron, non hai problema. Se a nosa nación optou por unha segunda volta nas eleccións, será tamén benvida", precisou.

Erdoğan e Kiliçdaroğlu cruzaron acusacións sobre presuntas manipulacións de votos durante a xornada

O presidente turco acusou Kiliçdaroğlu de "enganar a xente" asegurando durante o reconto que a súa candidatura "estaba á cabeza". Porén, o líder opositor devolveulle o ataque: "A pesar de todas as súas mentiras e ataques, Erdoğan non obtivo o resultado desexado. Ninguén debería celebrar que isto estea feito. Estas eleccións non se gañan desde o balcón".

Kemal Kiliçdaroğlu mostrouse convencido, igual que o actual mandatario, de que obterá un resultado satisfactorio no caso de confirmarse a segunda volta, que coincidirá coas eleccións municipais na Galiza, o vindeiro 28 de maio: "Se o noso pobo pide segunda volta, benvida sexa. Sen dúbida gañaremos na segunda volta, non hai dúbida. Verao todo o mundo".

Ao longo da noite deste domingo o principal rival de Erdoğan acusouno de tentar manipular os resultados pondo trabas por diferentes "obxeccións" ao reconto en distintos colexios: "Non bloqueen a vontade desta nación. Fago un chamado aos nosos traballadores da democracia sobre o terreo. Non saian nunca das urnas e xuntas electorais. Estamos aquí até que se conte cada voto", dixo.

Retido un observador asturiano en Siirt

Segundo denunciou a Confederación Intersindical, o activista asturiano Tino Brugos, desprazado até a cidade turca de Siirt para seguir a xornada electoral en calidade de observador internacional, foi "retido pola Policía" pretendendo, aseguraron, obstaculizar o seu labor.

Comentarios