A emigración confirma a vitoria dos conservadores en Portugal cun triunfo do Chega

A formación de extrema dereita faríase coa metade de escanos da diáspora e obtería un total de 50 na Assembleia.
Luís Montenegro. (Foto: Reinaldo Rodrigues / Global Im / Europa Press)
photo_camera Luís Montenegro. (Foto: Reinaldo Rodrigues / Global Im / Europa Press)

Á hora de fechamento desta edición, as autoridades portuguesas aínda non comunicaran os resultados do escrutinio da emigración, da que fica pendente o país para completar os comicios lexislativos adiantados que decorreron o pasado 10 de marzo.

Así e todo, varias forzas políticas presentes no reconto avanzaron ao Diário de Notícias que dos catro escanos que reparte a diáspora, dous na circunscrición de Europa e outros dous na do resto do mundo, todo indicaba que dous serían para a extrema dereita do Chega, un para a Aliança Democrática (AD), a coalición que une os conservadores Partido Social Democrata (PSD), CDS-Partido Popular e Partido Popular Monárquico (PPM), e outro para o Partido Socialista (PS).

De confirmarse este repartimento tras recibirse na tarde da cuarta feira os últimos sufraxios, confirmaríase que a AD foi a vencedora nas eleccións, e alcanzaría 80 de 230 escanos na Assembleia da República, seguida polo PS, con 78, e polo Chega, que tería 50 asentos.

O presidente, Marcelo Rebelo de Sousa (PSD), fechou a rolda de contactos coas forzas políticas con representación recibindo Luís Montenegro, que encabeza a AD e o PSD, e que se prevé sexa nomeado por Rebelo de Sousa como primeiro ministro en substitución de António Costa (PS).

Un Goberno en minoría

Após reiterar Montenegro que non asinaría ningún pacto para gobernar coa ultradereita, estase a negociar un acordo coa Iniciativa Liberal (IL), que obtivo oito deputadas e deputados, nun Executivo en minoría liderado polo PSD no que o CDS tería un ministerio e tres secretarías de Estado.

Porén, un sector do PSD que inclúe o ex ministro Rui Gomes da Silva reclamou a Montenegro que impulse un entendemento co Chega. Tampouco o PPM obxectaría un pacto nesta liña. Entrementres, o líder do Chega, André Ventura, segue a insistir en que deben entrar no Executivo luso.

O secretario xeral do PS e novo líder da oposición, Pedro Nuno Santos, trasladou a súa disposición a aprobar un orzamento corrixido -as contas de 2024 foron aprobadas antes das eleccións pola maioría absoluta que ostentaba o PS- dirixido a materias consensuadas, como o aumento de profesionais da saúde, educación ou policías.

Non obstante, reiterou que a súa formación non será “o soporte do Goberno da AD” nin “votará documentos ou iniciativas lexislativas sobre materias nas que non concorde”.

Comentarios