Elévase a 2.700 o número de mortes no terremoto en Marrocos

530 escolas resultaron danadas polo movemento de terra, ao que respondeu á poboación civil levando o peso dos traballos de rescate.
Edificio derruído en Amizmiz. (Foto: Ximena Borrazas / Europa Press / Contacto)
photo_camera Edificio derruído en Amizmiz. (Foto: Ximena Borrazas / Europa Press / Contacto)

Cando menos 2.681 persoas faleceron no terremoto de magnitude 6,8 na escala de Richter que abateu na noite da sexta feira ao sábado o centro de Marrocos, informou a segunda feira o Ministerio do Interior do país africano, que tamén incrementou a 2.501 a cifra de persoas feridas.

Foi o sismo máis mortífero en seis décadas, desde que en 1960 un tremor asolara a cidade de Agadir, matando máis de 12.000 persoas. Porén, converteuse no de maior magnitude no mínimo desde 1900, confirmou o Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos.

Moitos superviventes do movemento de terra levan xa tres noites durmindo na rúa ao ficar ou destruídas ou afectadas as súas vivendas. A axencia Reuters advertiu que por mor de que “gran parte da área do terremoto se atopa en zonas de difícil acceso, o impacto total aínda non se manifestou”. Asemade, a obstrución das estradas polos desprendementos dificultou aínda máis a chegada de axuda de emerxencia.

O certo é que, segundo informan os medios internacionais, e a pesar da despregadura dos militares, é a poboación civil quen está a levar o peso das tarefas de rescate, con localidades ás que a segunda feira non se desprazara ningunha asistencia desde o desastre.

Equipos de salvamento do Estado español, o Reino Unido, Catar e os Emiratos Árabes Unidos traballan na busca de superviventes. Aínda que máis Estados e entidades, como a Unión Europea, ofreceron a súa asistencia nos rescates, as autoridades trasladaron que só aceptaron a oferta de catro, posto que “unha falta de coordinación podería ser contraproducente”.

Pola súa parte, Rabat non fixo pública ningunha estimación sobre o número de persoas que están desaparecidas. Ademais, nin o monarca, Mohamed VI -que volveu o sábado ao país desde Francia-, nin o primeiro ministro, Aziz Akhannouch, se dirixiran a segunda feira á poboación desde o terremoto.

En 42 localidades marroquís as aulas foron suspendidas polo sismo, que tamén danou 530 escolas e 55 internados, amais de matar sete docentes, recolleu o xornal Le Matin. Tamén foron rexistrados importantes danos ao patrimonio cultural, como na cidade antiga de Marrakech, considerada Patrimonio da Humanidade pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia, e a Cultura (Unesco).

A Fronte Polisario, que lidera a República Árabe Saharauí Democrática, en guerra co seu veciño do norte pola ocupación marroquí do seu territorio, trasladou que nas zonas baixo o seu control non se rexistraron vítimas, e expresou o seu "apoio e solidariedade ás familias que perderon os seus seres queridos" en Marrocos.

Comentarios