Marrocos eleva a case 2.500 o balance de falecidos no terremoto

Até o momento, Rabat só aceptou a axuda de España, Reno Unido, Qatar e Emiratos Árabes Unidos

Persoal do servizo de emerxencias de Marrocos evacuan o corpo dunha vítima do terremoto na vila de Talat N'Yaaqoub, esta segunda feira. (Foto: Khaled Nasraoui / Dpa)
photo_camera Persoal do servizo de emerxencias de Marrocos evacuan o corpo dunha vítima do terremoto na vila de Talat N'Yaaqoub, esta segunda feira. (Foto: Khaled Nasraoui / Dpa)

As autoridades de Marrocos elevaron a case 2.500 o balance provisional de falecidos polo terremoto que sacudiu a zona centro do país na noite da sexta feira, 8 de setembro, se ben non se descarta que a cifra poida seguir aumentando polo elevado número de persoas feridas e a busca de máis posíbeis vítimas entre os cascallos.

En concreto, o Ministerio do Interior ten contabilizados até esta segunda feira 2.497 mortos e 2.476 feridos polo sismo rexistrado na rexión do Alto Atlas, perto de Marrakech. Só á provincia de Al Hauz corresponden máis de 1.400 vítimas mortais, mentres que en Tarudant pereceron máis de 760 persoas, segundo o reconto oficial.

As autoridades de Marrocos continúan ademais cos traballos de asistencia ás zonas afectadas, aínda que polo de agora só aceptaron a axuda de España, Reino Unido, Qatar e Emiratos Árabes Unidos. Outros Estados tamén se ofreceron a enviar equipos, por agora sen o aval de Rabat.

O caso que máis chama á atención é o de Francia, Estado cunha estreita relación a nivel político, diplomático, histórico e social até o punto de que o presidente francés, Emmanuel Macron, manifestou a disposición do Estado que lidera a colaborar pero Marrocos aínda non concretou un paquete de axuda. Outros Estados como Italia, Portugal e Turquía tamén ofreceron axuda.

Axuda humanitaria

A este respecto, a Unión Europea sinalou esta segunda feira que xa mobilizou unha axuda humanitaria inicial de un millón de euros para axudar as persoas afectadas polo sismo. Porén, continúa agardando a que as autoridades marroquís respondan á oferta de asistencia dos 27 a través do Mecanismo de Protección Civil.

Esta primeira asistencia canalizarase a través de organizacións que operan no terreo e busca cubrir “as necesidades máis urxentes da poboación máis afectada”, explicou en rolda de prensa o portavoz de Axuda Humanitaria da Comisión Europea, Balazs Ujvari.  

“O que fixemos foi pornos inmediatamente en contacto coas autoridades estadounidenses a través do noso centro de xestión de crises aquí na Comisión Europea, e ofrecemos a nosa axuda sobre o terreo”, explicou o portavoz, que sinalou que tamén hai contactos cos Estados membro e hai dispoñibilidade para mandar axuda.

“Non obstante, polo momento, non recibimos ningunha solicitude de activación do mecanismo de protección civil da UE por parte de Marrocos. Mentres tanto, utilizamos outras canles para prestar asistencia ao país”, subliñou sobre a resposta da UE ao desastre.

Comentarios