O silencio de Mohamed VI e o rexeitamento á axuda internacional marcan a resposta oficial ao terremoto en Marrocos

Rabat autorizou unicamente a catro Estados a enviar equipos ás zonas afectadas polo sismo

Un home pasa nunha motocicleta ao lado dos cascallos, a 11 de setembro, en Talat N'yakoub, Marrocos. (Foto Fernando Sánchez Europa Press)
photo_camera Un home pasa nunha motocicleta ao lado dos cascallos, a 11 de setembro, en Talat N'yakoub, Marrocos. (Foto Fernando Sánchez Europa Press)

O rei Mohamed VI conservou após o terremoto que sacudiu na sexta feira a zona centro de Marrocos o hermetismo que xa viña mantendo nestes últimos anos, nos que reduciu ao mínimo as súas aparicións públicas e aumentou en cambio as súas estancias privadas noutros Estados como Francia, onde o sorprendeu o peor desastre natural sufrido polo país magrebí en décadas.

Aínda que non houbo confirmación oficial desde a Casa Real, xa ninguén dubida a estas alturas que o monarca se atopaba a pasada sexta en París, onde dispón dun luxoso inmóbel. Tamén foron frecuentes estes anos as súas escapadas a Gabón, país que agora que viu envolto nun golpe de Estado.

En Marrocos, o rei goza de amplos poderes políticos (ten a última palabra en política exterior) e o Goberno debe renderlle contas, o que derivou nas primeiras horas após a traxedia nun silencio que non se rompeu até pasadas as 18 horas, cando Mohamed VI reapareceu nunha xuntanza de traballo en Rabat.

Non foi até entón cando, por vía dun comunicado da Casa Real, Rabat deu conta das “medidas de emerxencia” que estaban tomando as autoridades para atender os damnificados. Tamén nesta nota anunciaron tres días de loito en todo o Estado, xunto a unha imaxe na que o monarca aparece acompañado doutras altas autoridades.

Rexeitamento da axuda

Na súa declaración do sábado, o rei expresou os agradecementos aos “países irmáns e amigos” que mandaran a súa solidariedade con Marrocos após o sismo, enfatizando ademais que varios deles se mostraran dispostos a achegar axuda.

Non obstante, Rabat autorizou unicamente a catro Estados (España, Reino Unido, Qatar e Emiratos Árabes Unidos) a enviar equipos ás zonas afectadas polo terremoto, apelando a cuestións loxísticas que, non obstante, xeraron dúbidas en canto a un posíbel fondo político.

As autoridades marroquís apuntaron a necesidade de realizar unha “evolución precisa” das necesidades após o sismo, “tendo en conta que a falta de coordinación en tales situacións podería ser contraproducente”. Na práctica, isto implicou desoír ofertas concretas de Francia, Alemaña, Turquía, Italia e Portugal, entre outros.

Os Gobernos estranxeiros evitaron criticar Rabat por este rexeitamento ou incluso vinculalo cunha decisión política, xa que, por exemplo, as relacións con París non atravesan o seu mellor momento. A ministra de Exteriores gala, Catherine Colonna, dixo “respectar” esta decisión dun “país soberano”, que optou por “priorizar a chegada de axuda, dirixíndose a países dispoñíbeis caso por caso e non recibindo axudas que non corresponden ás súas necesidades”.

Pola súa parte, un portavoz do Ministerio de Exteriores de Alemaña confirmou que Marrocos tampouco aceptou a oferta de Berlín, que inclúe o envío de efectivos de emerxencia con apoio canino ou dunha planta de tratamento de auga, segundo a axencia DPA. Non obstante, evitou atribuílo a cuestións políticas (“pode descartarse no noso caso”, dixo), xa que considera que as relacións bilaterais son agora boas despois de que discrepancias polo Sáhara Occidental derivara en tensións en 2021.

Comentarios