EH Bildu anuncia o seu candidato a lehendakari: este é Pello Otxandiano

Arnaldo Otegi destacou que a proposta de Pello Otxandiano é “un investimento cualitativo”, xa que “ninguén dubida da súa solvencia, nin capacidade nin compromiso con este país”.
Pello Otxandiano, candidato de EH Bildu a lehendakari (Foto: Aritz loiola).
photo_camera Pello Otxandiano, candidato de EH Bildu a lehendakari (Foto: Aritz loiola).

Desde esta segunda feira xa se coñece a persoa candidata a lehendakari por EH Bildu. A Mesa Política da formación optou por Pello Otxandiano Kanpo, o seu director de Programa, nacido en Otxandio en 1983.

Supón unha clara aposta por unha nova xeración, xa apuntada nas palabras de Arnaldo Otegi hai un par de semanas, e tamén por unha forma de facer política baseada en futuro e “acordos de país”.

Adiantouno o xornal Naiz e confirmado publicamente por Otegi nunha comparecencia en Donostia, onde sinalou que a decisión de elixir Otxandiano foi adoptada por unanimidade pola Mesa Política.

Otegi destacou que a proposta de Pello Otxandiano é “un investimento cualitativo”, xa que “ninguén dubida da súa solvencia, nin capacidade nin compromiso con este país”.

Subliñou que EH Bildu apostou por el porque, ademais de achegar “solvencia, seguridade e compromiso”, Otxandiano “ten outras dúas cousas moi importantes: paixón por cambiar as cousas e alma por recuperar para este país o escenario que este país necesita e quere”.

Quen é Otxandiano?

Doutor en Enxeñaría de Telecomunicacións, Otxandiano xa foi definido anteriormente por algúns medios como o “ideólogo” de EH Bildu pola súa relevancia desde a dirección de Programas.

Así, foi impulsor principal do acordo de bases para unha nova Lei de Educación na Cámara vasca, finalmente ‘saboteado’ por PNV e PSE na fase de emendas.

Comentarios