O PNV gañaría as eleccións vascas mais perdería dous escanos e EH Bildu lograría 3 máis, até 25

O PSOE perdería 1, ficando en 10; PP subiría de 5 a 7 parlamentarios, Elkarrekin Podemos/Sumar perdería a metade de escanos e quedaría con tres, e Vox perdería o único que ten.

Un cidadán escollendo a súa papeleta nas eleccións estatais de 2019. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O PNV gañaría as eleccións vascas, aínda que perdería dous parlamentarios e ficaría con 29, mentres EH Bildu sería segunda forza con 25 escanos, tres máis que nos comicios de 2020. Pola súa parte, o PSE-EE subiría de 10 a 11 e o PP de 5 a 7, mentres que Elkarrekin Podemos/Sumar baixaría de 6 a 3 e Vox perdería o seu único representante, segundo a sondaxe sobre previsión de voto do Gabinete de Prospección Sociolóxica do Goberno vasco.

O PNV tambien sería forza vencedora en Araba, aínda que tamén baixa en representación, 1 menos (8), mentres que EH Bildu arrebataría o primeiro posto en Guipúscoa ao PNV ao lograr 11 parlamentarios, 2 máis, co que os jeltzales pasan ao segundo posto con 9 escanos, 1 menos. En Bizkaia, a formación jeltzale tamén se mantén como o partido máis votado e logra conservar os seus 12 parlamentarios por este territorio.

A recollida de información para a sondaxe realizouse entre 21 e 24 de novembro de 2023 a través de entrevista telefónica individual e, en total, foron enquisadas 2.030 persoas, sen coñecerse a proposta da Executiva do PNV para que Imanol Pradales concorrerse como candidato a Lehendakari e que Arnaldo Otegi non encabezará as listas de EH Bildu.

Con estes resultados, PNV e PSE-EE poderían reeditar o Goberno de coalición que mantiveron nas dúas últimas lexislaturas, ao conseguir de novo maioría absoluta no Parlamento vasco, con 40 parlamentarios dos 75, 1 menos que en 2020.

Tamén darían as cifras para apoiar un Goberno de esquerda, cos 25 escanos de EH Bildu, sumados aos 11 do PSE-EE e os tres de Elkarrekin Podemos. O acordo entre as tres forzas posibilitaría a maioría absoluta no Parlamento, con 39 escanos, un máis dos necesarios.

O PNV sería a forza máis votada en Araba e Bizkaia, mentres que en Gipuzkoa EH Bildu sería a que máis apoio tería nas urnas, sempre segundo esta sondaxe.

Comentarios