BNG, Bildu e ERC reclaman unha investigación sobre a participación española na guerra do Iraq

Esta segunda feira fai 20 anos o inicio da invasión liderada polos EUA.
O 'cumio' dos Açores, cos dirixentes naquela altura de Portugal, José Manuel Durão Barroso; Reino Unido, Tony Blair; EUA, George W. Bush, e o Estado español, José María Aznar. (Foto: Michelle Michaud)
photo_camera O 'cumio' dos Açores, cos dirixentes naquela altura de Portugal, José Manuel Durão Barroso; Reino Unido, Tony Blair; EUA, George W. Bush, e o Estado español, José María Aznar. (Foto: Michelle Michaud)

O Grupo Republicano, EH Bildu e BNG veñen de presentar unha proposición non de lei ante a Mesa do Congreso na que volven reclamar que se investigue a participación española na guerra do Iraq cando se fan esta mesma segunda feira, 20 de marzo, 20 anos da invasión.

Os tres grupos presentaron unha dobre petición de investigación por medio dunha PNL e a solicitude dunha comisión de investigación tras facer "20 anos o inicio da invasión ilegal e ilexítima do Iraq que daría lugar a unha guerra que duraría máis de oito anos, con máis de 300.000 mortes, numerosas violacións de dereitos humanos e unha crise humanitaria cuxas consecuencias aínda se sofren", recolle o escrito.

A maiores, cargan contra o Goberno de España presidido entón polo 'popular' José María Aznar, quen "se implicou directamente nunha guerra declarada coa escusa, que demostrou ser falsa, da posesión de armas de destrución masiva por parte do Iraq".

Segundo denuncian as tres formacións nacionalistas, tras varios e "infrutuosos" intentos para conseguir explicacións de por que o Estado español participou daquel conflito, presentaron conxuntamente unha nova solicitude de comisión de investigación así como unha PNL para instar o Executivo á creación dunha comisión de avaliación sobre os "intereses políticos, militares, de axuda oficial ao desenvolvemento e comerciais que motivaron tal participación, e o seu resultado".

Hoxe mesmo fai vinte anos aquela invasión do Iraq capitaneada polo daquela presidente estadounidense, George W. Bush, unha operación militar lanzada o 20 de marzo de 2003 á marxe de Nacións Unidas co obxectivo de derrocar Sadam Husein, e o Estado español segue aínda presente no país cun total de 323 militares e un xeneral listo para liderar a misión da OTAN alí a partir do próximo mes de maio.

A participación española na coalición liderada polos Estados Unidos provocou unha vaga de protestas que culminou co anuncio de José Luis Rodríguez Zapatero en abril de 2004 —só un mes despois de gañar as eleccións xerais— de retirar as súas tropas do Iraq.

Comentarios