Otegi non será o candidato de EH Bildu a lehendakari

O coordinador de EH Bildu non tería previsto presentarse como candidato, a non ser que a formación decida o contrario

Arnaldo Otegi, coordinador de EH Bildu, nunha rolda de prensa o pasado 30 de outubro. (Foto: Unanue / Europa Press)
photo_camera Arnaldo Otegi, coordinador de EH Bildu, nunha rolda de prensa o pasado 30 de outubro. (Foto: Unanue / Europa Press)

O coordinador de EH Bildu, Arnaldo Otegi, non tería previsto, en principio, presentarse como candidato a lehendakari para as próximas eleccións vascas, aínda que está á espera de que o que decida respecto diso a dirección da formación abertzale, que se reunirá esta segunda feira para abordar esta cuestión. Con todo, Otegi si volverá a postularse a liderar a coalición no seu próximo congreso.

Así o deu a entender o líder de EH Bildu nesta última semana, en concreto o pasado día 20, cando afirmou nunha entrevista radiofónica que xa adoptara unha decisión sobre presentarse ou non a aspirante a lehendakari, baseada en "factores familiares".

"Levo moitos anos militando e iso supón tamén un desgaste en certa medida para a miña familia, pero tamén teño clara unha cousa, e é que eu non lle podo exixir a ninguén responsabilidade sen asumir as miñas", engadiu.

Arnaldo Otegi afirmou que a reflexión que realizou comunicaraa esta segunda feira na reunión da Mesa Política da formación nacionalista. "Eu expoñerei cales son os meus puntos de vista, logo terá que ser a xente a que diga se os acepta ou non, se os comparte ou non", apuntou.

Con todo, non quixo descartar de todo que poida ser candidato: "se o teño que ser, sereino". En todo caso, subliñou que necesita facer "unha reflexión sincera coa xente", e destacou que a "gran vantaxe" de EH Bildu é que ten "moito banco". "Bastante mellores ca min", apostilou.

Posíbeis aspirantes

Este mesmo sábado, a portavoz de EH Bildu no Congreso, Mertxe Aizpurua, tamén se referiu aos comicios ao Parlamento Vasco de 2024, para afirmar que o coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi, sería "un perfecto" candidato a lehendakari, pero apuntou que tamén hai outras persoas dentro da organización política que o poden ser.

De momento, soaron como posíbeis aspirantes a Lehendakaritza as parlamentarias Oihana Etxebarrieta e Nerea Kortajarena. A propia Aizpurua estaría tamén nas quinielas. Coa reunión desta segunda, EH Bildu porá en marcha o seu proceso electoral interno para a designación de candidaturas, logo de que esta mesma fin de semana o PNV anunciara tamén unha renovación na súa cabeza de cartel: Urkullu tampouco será candidato a lehendakari.

Comentarios