Dimite o enviado de EUA a Haití pola deportación "inhumana" de inmigrantes

Cualifica a decisión de "contraproducente". Por outra banda, Washinton planea reabrir o centro de detención de inmigrantes de Guantánamo.
EuropaPress_3941012_16_september_2021_us_rio_migrants_gather_under_and_around_the_international
photo_camera Campamento de inmigrantes haitianos baixo a ponte internacional que une EUA e México (Foto: San Antonio Express / Europa Press)

O enviado especial dos Estados Unidos a Haití, o diplomático de carreira Daniel Foote, presentou a súa dimisión en protesta pola deportación dos inmigrantes haitianos (1.401, desde o domingo, ademais de 3.206 detidos) que acampan en condicións insalubres baixo unha ponte na localidade fronteiriza con México de Del Río. 

"Non deixarei que se me asocie coa inhumana e contraproducente decisión dos EUA de deportar miles de refuxiados haitianos e inmigrantes ilegais", sinalou Foote nunha carta enviada ao secretario de Estado (ministro de Exteriores), Antony Blinke, publicada polos medios de comunicación locais. 

Malia que desde mediados de maio, os cidadáns haitianos poden gozar do Status de Protección Temporal (TPS) co que evitar a deportación, as autoridades estadounidenses están a devolvelos a Haití ─un país devastado pola pobreza, pola violencia e polos desastres naturais─ sen que poidan presentar unha solicitude de asilo. 

Organizacións internacionais como a axencia da ONU para as persoas refuxiadas, Acnur, acusaron a Washington de incumprir o dereito internacional. 

A Casa Branca, que tamén recibiu as críticas do Partido Demócrata do presidente Joe Biden, deféndese invocando a lei coñecida como "Título 42", que na práctica permite as expulsións 'en quente' coa escusa de evitar a propagación da Covid.

Centro de Guantánamo

Por outra banda, o Goberno estadounidense está a estudar a posibilidade de volver utilizar o centro de detención de inmigrantes situado na base naval de Guantánamo, en Cuba, onde albergarían de forma temporal máis dun centenar de persoas.

Nun prego de contratación do Departamento de Seguridade Nacional (o ministerio do Interior) ao que tivo acceso a NBC, recóllese que as autoridades estarían a buscar un contratista para administrar o centro. 

"O provedor do servizo deberá ser responsábel de manter no lugar o equipamento necesario para máis de 120 e até 400 migrantes no caso de situacións de conxestión", sinala o prego.

Ademais, inclúe o requirimento de que 10% dos gardas de seguridade das instalacións falen español e crioulo haitiano.

Porén o Departamento de Seguridade Nacional negou que haxa plans para trasladar alí os inmigrantes haitianos acampados en Del Río e que o domingo comezaron a ser deportados.

O centro de Guantánamo serviu durante décadas no pasado para aloxar os inmigrantes interceptados no mar antes de seren enviados a terceiros países.

Comentarios