Aumenta a presión sobre Biden para que free a expulsión de inmigrantes haitianos

A ONU acusa os Estados Unidos de incumprir o dereito internacional.
EuropaPress_3941013_16_september_2021_us_rio_migrants_gather_under_and_around_the_international
photo_camera Os inmigrantes baixo a ponte internacional, a semana pasada (Foto: Europa Press / San Antonio Express)

"Urxo ao presidente Biden e ao secretario Mayorkas a deter inmediatamente estas expulsións. Non podemos seguir con estas odiosas e xenofóbicas 'políticas Trump' que ignoran as nosas leis sobre refuciados", manifestaba na terza feira o líder do Partido Demócrata no Senado dos EUA. 

Apelaba ao presidente do país e ao ministro do Interior, Alejandro Mayorkas, tras os sucesos das últimas horas na fronteira mexicana en relación á expulsión masiva de refuxiados de Haití, un país devastado pola pobreza, a violencia e os desastres naturais.

Nos últimos días centos de haitianos entraron desde México aos EUA e acamparon baixo unha ponte internacional na localidade de Del Río, ao sur de Texas e fronteiriza coa mexicana Ciudad Acuña. Polo menos 4.000 foron trasladados a centros de detención e desde o domingo máis de 500 foron deportados de volta a Haití. Mayorkas asegurou que os voos continuarán, tal e como se confirmou onte, tanto desde os EUA como desde México

Ante a falta de provisións básicas, moitos haitianos cruzaron o Río Grande até Ciudad Acuña. Na noite da terza feira (madrugada galega de onte), oficiais do Instituto Nacional de Migración mexicano entraron en dúas pensións e meteron en furgoneta varias destas persoas, incluídos dous bebés, segundo informaron os medios locais.

Ao norte do río, as imaxes que Reuters publicou o domingo, onde se observa a axentes da Patrulla Fronteiriza acosar os inmigrantes haitianos cos seus cabalos axitando as rendas como se fosen látegos, levaron as autoridades estadounidenses a anunciar a apertura dunha investigación. Porén, o Goberno insiste en que os haitianos non poden ficar.

"Título 42"

Washington deféndese invocando a norma coñecida como "Título 42", que na práctica permite as expulsións 'en quente'. Isto é, a deportación automática sen permitir a presentación dunha solicitude de asilo, coa escusa de evitar a propagación da Covid.

A xestión da situación está a levantar fortes críticas. Á condenas da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) e de ONG como Médicos sen Fronteiras, uniuse onte a axencia para os refuxiados da ONU, Acnur, que considera que EUA está a incumprir o dereito internacional. 

O máximo responsábel de Acnur, Filippo Grandi, dixo estar "consternado polas imaxes das deplorábeis condicións" en que se encontran os máis de 14.000 haitianos "amoreados despois de duras viaxes desde distintos países de América".

Porén, Mayorkas insistiu en que a fronteira "no está aberta".

Comentarios