Crise en C's

Demite o único fundador de Ciudadanos que aínda quedaba con cargo na executiva do partido

Quen fora un dos fundadores e líder de Ciudadanos máis significados, Xavier Pericay, anunciou a súa demisión de todos os seus cargos no partido, incluído o seu posto no comité executivo estatal e da portavocía en Balears. A onda de abandonos nos organismos de dirección non cesa e acurrala cada vez máis a Albert Rivera.

Xavier Pericay
photo_camera Xavier Pericay

Demite de todos os seus cargos en Ciudadanos o escritor e xornalista Xavier Pericay. Foi un dos máis significados fundadores do partido laranxa e até este sábado 6 de xullo estaba á fronte da área de educación na executiva estatal de C’s, sendo o único membro fundador que quedaba neste órgano cun cargo. Pericay deixa tamén a portavocía do partido en Balears.

O cofundador de C’s efectuou este sábado a súa demisión pese a que xa a comunicara a mediados da semana pasada a Albert Rivera. Faino ademais após perder en marzo as primarias do partido en Balears ante Marc Pérez Ribas, quen se impuxo por 19 puntos para liderar o partido nas eleccións ao Parlament.

O cofundador de C’s efectuou este sábado a súa demisión pese a que xa a comunicara a mediados da semana pasada a Albert Rivera

Con todo, Pericay non aclarou se foi este ou outro o motivo da súa marcha. Rexeitou que as súas razóns fosen as mesmas que as esgrimidas por outras baixas como a do ex portavoz adxunto no Congreso Toni Roldán, quen marchou do partido debido á negativa de Rivera de facilitar a investidura a Pedro Sánchez para evitar que o PSOE teña que chegar a acordos cos nacionalismos.

Pese a que Pericay nega que os seus motivos teñan que ver cos de Roldán, a marcha deste “si influiu” na súa toma de decisións, segundo asegura o propio Pericay nunha carta que fixo pública este sábado para anunciar a súa demisión.

O escritor e filólogo balear asegurou que "este era un bo momento para tomar a decisión. Estou contento co que fixemos na educación, fixemos un labor que foi recoñecido estes anos. Agora volvo aos meus negocios que é escribir", subliñou Pericay, quen mostrou unha "satisfacción persoal" co traballo realizado.

Sobre o futuro da formación de Rivera asegurou que "unha tarefa como a de formar parte do Comité Executivo dun partido que aspira a gobernar España nun futuro non moi afastado, require unha motivación e unha ilusión moi superiores ás que eu poida ter hoxe en día", explicou.

O pasado 24 de xuño presentou a súa baixa Toni Roldán e o eurodeputado Javier Nart, polos mesmos motivos ca Roldán, demitiu do seu posto na executiva de C´s e o líder do partido en Castela e León, reticente a pactar co PP, Francisco Igea, tamén está na mesma liña.

Na Galiza producíronse após as eleccións municipais do 26 de maio en Pontevedra as baixas de seis membros que concorreran na candidatura municipal de C’s en Pontevedra, incluínda a súa anterior portavoz municipal, María Rey.

En Ourense esta semana destituíuse a executiva provincial por “discrepancias”. Varias das persoas que conformaban este organismo están recorrendo a decisión e solicitan a expulsión de Laureano Bermejo, actual secretario de organización na Galiza, por actitudes ditatoriais.

Tamén esta semana quen era a portavoz de Ciudadanos na Galzia, Olga Louzao, abandonou o posto para dedicarse en exclusiva ao seu cargo de edila en Lugo. A pesar de que afirmou a Sermos Galiza que a súa demisión non foi por motivos políticos, o certo é que se produciu nunha semana en que as renuncias se multiplican. A última foi onte mesmo, sexta feira 5 de xullo. Ángeles Fernández-Ramil, unha das fichaxes estrela do partido na Galiza, anunciou a súa demisión como secretaria de programas de Ciudadanos.

Comentarios