venres 25/06/21

Os danos colaterais en África dunha Covid máis 'benévola'

Por primeira vez en tres décadas, África entrou en recesión. Continente –o único– onde a violencia aumentou neste último ano. Son dúas das principais conclusións dun informe presentado onte sobre o impacto da Covid-19, doenza con menor letalidade que noutras rexións do mundo mais que deixou abondos danos colaterais. 
malaria roll out_0 (1)
Nais en Kenya agardando pola vacinación contra a malaria dos fillos. (Foto: OMS)

Aínda que África evitou as cifras de mortes rexistradas noutras rexións do Planeta, a Covid-19 deixou de forma indirecta devastación ao seu paso. Recesión, altas taxas de desemprego e medra exponencial da violencia están entre as consecuencias, segundo recolle un informe presentado onte.

É o documento de debate previo ao foro anual que organiza a fundación Mo Ibrahim para promover unha "mellor gobernanza" e lograr "progresos tanxíbeis na calidade de vida da cidadanía", segundo apuntan na súa web. O foro desenvólvese esta fin de semana.

O informe divídese en tres áreas arredor do impacto da Covid e das perspectivas de futuro: fortalecemento da capacidade sanitaria de África como prioridade; retrocesos a respecto da democracia, da educación e dos avances sociais, así como novos detonantes de inestabilidade; e afectación á economía e á necesidade de reinventar o modelo de crecemento.

Economía

A respecto desde último punto, salienta que "o parón na economía global levou África a entrar en recesión por primeira vez en 30 anos, con graves repercusións para o desemprego, a pobreza, as desigualdades e a inseguridade alimentaria".

As taxas de desemprego bateron récords tamén cunha taxa de 7,3%, a maior en dez anos. Semella baixa, mais é un indicativo da tendencia rexistrada, tendo en conta que 85,8% de todo o emprego africano (93,4% entre a mocidade) correspóndese coa economía informal. É dicir, da que non hai estatísticas nin rexistros, nin tampouco ten cobertura social.

O documento rexistra outros datos preocupantes neste apartado: máis de 100 millóns de africanos sufriron emerxencias alimentarias en 2020 (60% máis que en 2019); e o número de persoas na pobreza extrema achégase aos 514 millóns (case 40% da poboación total do continente), subindo por primeira vez desde hai 20 anos. 

Democracia e dereitos

Na cuestión da inseguridade e dos dereitos humanos, tamén o continente lidera estatísticas, sendo o único onde a violencia aumentou durante a pandemia. A relacionada co crime organizado incrementouse en 78%; e máis de 90 persoas en 36 países resultaron mortas a mans da forzas de seguridade na aplicación das medidas de restrición durante o confinamento.

O informe tamén salienta que o polo de atracción que supuxo o novo coronavirus levou a unha redución dos esforzos na loita contra grupos extremistas. 

"A Covid-19 foi integrada xa na propaganda de grupos como Al Shabab e Boko Haram co fin de xustificar a súa causa", sinala. Por exemplo, Al Shabab (grupo xihadista salafista que opera no Corno de África) abriu clínicas, e a rama de Estado Islámico (tamén xihadista salafista) na República Democrática do Congo repartiu medicinas entre a poboación. 

Educación e mulleres

A Covid, ademais, foi culpábel de frear os recentes avances en educación e en igualdade entre sexos. Por exemplo, o informe reflicte que as escolas estiveron fechadas unha media de 26 semanas, nun territorio onde as carencias fan inviábel a aprendizaxe telemática. 

Esta situación provocará un aumento do abandono escolar, apuntan, especialmente entre as nenas. As mulleres, en xeral, "teñen menos protección social e sofren maior risco de pobreza e de inseguridade alimentaria". 

Ademais, elas sufriron a chamada "pandemia na sombra": a violencia contra as mulleres nos seis países do Sahel (Burkina Faso, Chad, Malí, Mauritania, Níxer e Senegal) aumentou case 12 puntos, até situarse en 52,18%, neste último ano.

Saúde

O informe salienta a capacidade de contención do coronavirus, especialmente na África subsahariana. O éxito baseouse en parte nas medidas dispostas e nas restricións ás viaxes internacionais, "entre as máis rápidas do mundo", apunta. E tamén ─sinala─ na "longa experiencia" con outras epidemias, que permitiu levar a cabo un eficiente proceso de rastrexo e paliar así a "falta de recursos".

Mais, de novo, o polo de atracción que supuxo a Covid "socavou os progresos atinxidos na loita contra as enfermidades máis letais de África: a malaria, a tuberculose e o VIH/sida". 

Segundo datos da OMS, a incursión do SARS-CoV-2, de non se reorientar os esforzos, resultará nun aumento das mortes por malaria na África subsahariana superando as causadas pola Covid. 

Tamén houbo unha baixada na diagnose de casos de tuberculose, que podería facer regresar os niveis de mortalidade de 2012 con 400.000 mortes adicionais. 

Situación similar ao que acontece coa interrupción das terapias contra o VIH/sida, calculándose uns niveis de infección similares aos de 2008, ano con case un millón de mortes. 

Ademais, o informe subliña unha recente preocupación a maiores, que cada vez vai máis en aumento: a saúde mental, especialmente entre os máis novos, faltos de presente e de futuro nos seus países. Xuventude que debe estar "na cerna do plan" para a África do mañá. 

Doar vacinas a outros continentes antes que inocular adolescentes na UE, suxire a ECDC

O Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC) recomendou á UE que teña en conta a vacinación global antes de proceder a inocular os menores de entre 12 e 18 anos. As vacinacións nos países do continente africano, segundo datos de maio, tan só supoñen 1% do total mundial.  

A ECDC sinalou que "as cuestións de equidade na dispoñibilidade e acceso á vacina deben ser consideradas coidadosamente cando se decida a expansión [...] a grupos con menor risco de enfermidade severa".

O informe, emitido a respecto da posibilidade de inocular os adolescentes, considera que os "beneficios individuais directos" da súa inoculación serán "limitados" en comparación con grupos de máis idade, e aposta por vacinar profesionais da saúde en "contextos con recursos limitados", como en África. 

comentarios