África, fronte a unha catástrofe histórica

Colonización, escravitude, fame, guerras, enfermidades... Desde hai máis dun século, África é un continente ferido que se desangra por varias partes,  especialmente pola rexión subsahariana. O coronavirus vénse sumar agora á crítica situación, ameazando as súas xentes cun desastre dunha magnitude sen precedentes.
africa
photo_camera Arredor duns 300 millóns de persoas, case dous terzos da poboación da África subsahariana, non teñen acceso a auga potábel (unicef.org)

Desde que o coronavirus saltou fóra da China, a Organización Mundial da Saúde (OMS) vén advertindo do perigo que corren os países en vías de desenvolvemento, especialmente os da África subsahariana. O 30 de xaneiro decretou a emerxencia internacional ─o termo oficial é "Emerxencia para a Saúde Pública de Interese Internacional" (PHEIC, nas siglas en inglés)─ co obxectivo, sinalou, de que os países con sistemas sanitarios máis débiles ─nomeadamente, os do continente africano─ se mantivesen en alerta e traballasen con anticipación.

Dous meses despois, a expansión do coronavirus en África comeza a ser unha realidade. Nas últimas horas entrou en vigor a corentena na cidade nixeriana de Lagos, a máis populosa de todo o continente, con oficialmente case 22 millóns de habitantes. Tamén no Estado contiguo de Ogun e na capital do país, Abuya. "Todos os cidadáns destas áreas teñen que quedar na casa", sinalou o presidente Muhammadu Buhari, que informou de que só poderían operar servizos esenciais como hospitais, farmacias, supermercados, bancos ou gasolineiras.

Sen medios, sen auga

Na liña dos temores da OMS tamén se pronunciaron organizacións e especialistas sobre o terreo. Nunha recente entrevista para Nós Diario, o epidemiólogo Alberto García-Basteiro, do Centro de Investigação em Saúde de Manhiça, en Moçambique, alertaba de que a expansión do coronavirus pode ser unha "catástrofe" porque os Gobernos de África non están preparados "nin para diagnosticar a enfermidade nin para implementar as medidas que se están a adoptar noutros países".

O confinamento, ademais, non se pode estender no tempo, xa que en certos Estados a maioría da poboación vive día a día e a súa subsistencia depende da mobilidade. Non é o caso maioritario en Nixeria, que está entre os países máis desenvolvidos do continente, mais a situación ameaza con ser calamitosa nos máis pobres, como Sudán do Sur, Burundi, Malaui, Serra Leoa, a República Centroafricana, Moçambique, Madagascar, a República Democrática do Congo, Níxer ou Liberia.

Son países que xa soportan altas taxas de contaxio e mortaldade como consecuencia doutras enfermidades víricas e bacterianas como a SIDA, as enfermidades diarreicas (a segunda causa de morte en crianzas menores de 5 anos), a malaria ou a tuberculose

Ademais, a falta de auga potábel afecta uns 300 millóns de persoas, case dous terzos da África subsahariana.

Onte, o Comité da Cruz Vermella Internacional (CICR) advertía nun comunicado da situación que se pode dar, ademais, en zonas de conflito como a rexión do lago Chad, onde opera o grupo xihadista Boko Haram: "Até o de agora, África foi o continente menos afectado pola pandemia mais, de non se tomaren medidas para conter o virus de inmediato, podería ser devastador".

Continua expansión

A alarma na OMS levou esta axencia das Nacións Unidas a tomar medidas nas últimas semanas. Segundo informan na súa web, desde o comezo do brote forneceu os Gobernos africanos de "miles de kits de tests da COVID-19". Actualmente, 47 países da rexión OMS-África (todos os do continente agás Marrocos, Tunisia, Libia, Exipto, Sudán, Xibutí e Somalia) poden facer tests da COVID-19. "Ao inicio do brote tan só os podían facer dous", salientou.

Dos 54 países que hai en toda África, polo de agora en só seis non se informou de ningún caso de coronavirus: Sudán do Sur, Burundi, São Tomé e Príncipe, Malawi, Lesoto e as Comores. Mais é cuestión de tempo que a COVID-19 se manifeste aquí tamén, se non o fixo xa.

"A rápida evolución da enfermidade COVID-19 en África é moi preocupante e é un claro sinal para a acción", subliñou hai unha semana a directora rexional para o continente da OMS, Matshidiso Moeti. Polo momento, segundo os últimos datos da axencia, en toda África hai 4.613 casos e 131 mortes.

Porén, o peor escenario para a OMS sería o da "transmisión comunitaria sostida", como está a acontecer en Europa. O subdirector xeral da OMS para urxencias, Ibrahima Socé Fall, sinalou neste sentido que "os sistemas de saúde de África non teñen a capacidade para frear o golpe".

A inicios desta semana, a secretaria executiva da Comisión Económica para África da ONU, Vera Songwe, alertaba de que o continente está a "só dúas ou tres semanas" de evitar un "estalido tan brutal" como a de Europa. E o director do Centro de Control e Prevención de Enfermidades en África, John Nkengasong, afirmou: "Antes dixen que era unha ameaza inminente, agora digo que é un desastre inminente".

Comentarios