A distribución das vacinas, "un vimbio máis no cesto da desigualdade mundial"

A desigualdade entre ricos e pobres é cada vez maior, tanto a nivel interno dos países máis desenvolvidos como a nivel mundial entre estes e o resto. A OMS e a ONU levan meses alertando da necesidade de, nun mundo globalizado, afrontar a pandemia como unha única familia. Non está a ser o caso, aínda que tamén hai excepcións.
manaos_cemiterio
photo_camera Cemiterio de Manaos, no Brasil, fortemente golpeada pola Covid (Foto: Lucas Silva / dpa)

O director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, advertiu de que a distribución das vacinas contra a Covid-19 vai camiño de se converter "nun vimbio máis do cesto da desigualdade entre os que máis e menos teñen no mundo". O reparto equitativo está en "serio risco", sinalou onte nunha comparecencia desde Xenebra.

"O recente xurdimento de variantes que se propagan rapidamente fai aínda máis importante un despregue veloz e equitativo das vacinas", remarcou Tedros, alertando dun "fracaso moral catastrófico". En tanto que máis de 39 millóns de doses foron administradas xa en 49 países ricos, dixo, só houbo varias inoculacións simbólicas nos máis pobres. 

A advertencia lembra a realizada o 31 de marzo de 2019, aos poucos días de se declarar a pandemia, polo secretario xeral da ONU, António Guterres: "Lembremos que só somos tan fortes como o máis feble dos sistemas sanitarios neste mundo interconectado".

Hoxe Tedros seguiu esta liña, apelando á xustiza moral. "Non hai dereito a que adultos novos e sans nos países ricos sexan vacinados antes que as persoas maiores nos países pobres", afirmou. "Haberá vacinas suficientes para todo o mundo, mais neste momento debemos traballar como unha familia global e dar prioridade a aquelas persoas en risco de enfermidades graves e de morte en calquera país", engadiu.

Son moitos os territorios do mundo onde aínda non deu inicio a campaña de vacinación. Por exemplo en Nixeria, o país máis poboado de África, nin se coñece a data. O Goberno anunciou que pretende vacinar 40% dos seus 200 millóns de cidadáns antes de 2022, comezando como moi cedo en febreiro, cando se agarda que cheguen 100.000 doses da vacina de Pfizer a través de Covax.

Covax é unha iniciativa para asegurar o acceso á vacina a todos os países do mundo. Foi lanzada pola Alianza para a Vacinación (GAVI), asociación mundial integrada por organismos públicos e privados como Unicef, o Banco Mundial ou a Fundación Bill e Melinda Gates, alén de Gobernos, sociedade civil ou farmacéuticas. 

Subas no prezo e atrasos

Tedros pediu aos Gobernos que teñen acordos bilaterais cos produtores da vacina "transparencia con Covax a respecto dos volumes, prezos e datas de entrega", e que compartan as súas doses coa iniciativa internacional axiña inoculen os seus traballadores da saúde e as persoas maiores. Cre que a priorización destes acordos bilaterais está a provocar un aumento no prezo das vacinas e un atraso na entrega. O director da OMS facía referencia aos Estados Unidos, ao Reino Unido e á Unión Europea, que foron acusados con anterioridade de "acaparamento". 

Doutro lado da moeda están medidas como a anunciada polo presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, aceptando unha redución na entrega de doses da vacina de Pfizer, segundo informou El Universal. O Goberno mexicano é un dos países que ten un contrato asinado con Pfizer, mais accedeu á petición da OMS e da ONU de evitar o acaparamento para que as vacinas poidan ir chegando xa aos países máis pobres. 

López Obrador dixo que están a buscar outras opcións de vacina, como a da chinesa CanSino, a rusa Sputnik V e a británica de AstraZeneca/Oxford. México é o segundo país máis poboado de Latinoamérica, e acumula 140.241 mortes pola Covid-19 desde o inicio da pandemia. Supérao en habitantes o Brasil, onde este domingo se administrou a primeira vacina. A inoculada foi unha enfermeira do Instituto de Infectologia Emílio Ribas de São Paulo, concretamente coa chinesa Coronavac, minutos despois de ser aprobada pola Agência Nacional de Vigilância Sanitária (Anvisa), que tamén autorizou por unanimidade o fármaco de Oxford.

Axuda intraamericana

No Brasil son 209.847 as persoas mortas pola Covid, segundo os últimos datos dispoñíbeis. A situación é especialmente complicada no Estado do Amazonas, onde se produciu un colapso na atención do sistema de saúde. 

De acordo coa Folha de São Paulo, a capital Manaos sofre tamén unha falta de osíxeno hospitalario, o que levou as empresas provedoras do Goberno estatal a acudir ao mercado venezolano para poder responder á demanda. Neste sentido, o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, confirmou o envío dun cargamento de 136.000 litros de osíxeno.

Fíxoo na súa comparecencia dominical na televisión pública venezolana, onte denunciou "o sistema mundial inxusto e desigual que existe", e falou de "guerra xeopolítica pola vacina", lamentando que haxa "190 países do mundo que non teñen dereito" a tela. Ante esta situación, anunciou que se está a xestionar a creación dun "banco de vacinas" a través da Alianza Bolivariana para os Pobos da nosa América (ALBA) para todos os países de Latinoamérica. 

Bolivia limitará o lucro no tratamento da Covid

O Goberno de Bolivia fixará unha lista de tarifas máximas para a atención de casos da Covid nas clínicas privadas do país, que non poderán deixar de prestar servizo alegando "barreiras" económicas, baixo sancións administrativas e penais. O sector privado deberá realizar unha lista de prezos e facela chegar aos Servizos Departamentais de Saúde. O Ministerio de Saúde publicará nos próximos días as tarifas máximas, avanzou o diario boliviano La Razón.

En Bolivia só algúns sectores da poboación ─como xubilados e nais xestantes─ teñen acceso á atención sanitaria gratuíta. En marzo de 2019 botou a andar o novo Sistema Único de Saúde (SUS), que busca ampliar a cobertura de sanidade á poboación que non conta cun seguro médico. Este sistema foi unha promesa electoral de Evo Morales en 2014, e contempla o desenvolvemento gradual, mais a falta de medios e de infraestruturas está a complicar a implementación.

Comentarios