A fame ameaza con matar miles de crianzas en África

"Cada día chegan máis nenas  e nenos ás nosas clínicas con síntomas de desnutrición e isto é só o principio. De agardarmos até que as clínicas estean cheas, será demasiado tarde", advertiu Save the Children.
save_the_children
photo_camera A pandemia sumouse ás pragas, ás inundacións e á suba dos prezos dos alimentos (Save the Children)

O grave impacto que está a ter a pandemia da Covid-19 na alimentación da poboación no África subsahariana deixa 67.000 crianzas en risco de morrer de fame antes de que acabe o ano, arredor de 426 ao día, a menos que se adopten medidas para o evitar, alertou Save the Children, en base a un estudo publicado por The Lancet.

A ONG salientou que a inseguridade alimentaria se viu agravada en distintas partes do continente polas inundacións, as pragas de lagostas e a suba dos prezos dos alimentos nos últimos meses. A isto sumouse a pandemia, que paralizou a economía e destruíu os medios de vida de miles de fogares.

De acordo coas primeiras estimacións, agárdase que a pandemia provoque un aumento da pobreza na África subsahariana de 23% e que para 2030 o número de persoas desnutridas alcance os 433 millóns.

As crianzas, salientou Save the Children, teñen un alto risco de sufrir desnutrición aguda nesta situación. Antes do coronavirus, xa había 2,6 millóns de nenas e nenos que padecían desnutrición aguda severa, a forma máis mortal de desnutrición. Agora, prevese un aumento de 20%.

"As medidas contra a Covid decimaron os medios de vida e a produción dos cultivos, polo que os alimentos, cando están dispoñíbeis, son extremadamente caros. En poucas palabras: moitos pais e nais xa non poden pór comida na mesa para seus fillos", explicou Ian Vale, director rexional de Save the Children en África Oriental e Meridional.

Clínicas cheas

Xa antes da pandemia, África subsahariana era unha das rexións do mundo con maior inseguridade alimentaria e témese que, de continuaren as tendencias actuais, sexa o fogar de máis da metade das persoas que padecen fame crónica do mundo.

"Cada día chegan máis nenas  e nenos ás nosas clínicas con síntomas de desnutrición e isto é só o principio. De agardarmos até que as clínicas estean cheas, será demasiado tarde", advertiu Vale, subliñando que "a crise alimentaria podería matar ducias de miles de crianzas de non recibiren asistencia humanitaria de inmediato".

Neste sentido, Save the Children, que xa está a axudar sobre o terreo as familias máis afectadas, solicitou a Gobernos e doadores a mobilización urxente de fondos para axudar á infancia máis pobre e vulnerábel do mundo.

Comentarios