A malaria pode provocar este ano máis de 700.000 mortes en África

A OMS alerta nun informe a prepararse ante o perigo que supón a concentración dos esforzos da sanidade pública na loita contra o coronavirus. A cifra non ten precedentes en dúas décadas.

malaria
photo_camera Un diagnóstico rápido é "esencial" para evitar que os casos leves empeoren, sinala a OMS (Europa Press)

A concentración dos esforzos da sanidade pública na loita contra a pandemia do coronavirus ameaza con provocar outras urxencias médicas na África subsahariana, onde este ano poderían morrer até 769.000 persoas vítimas da malaria, unha cifra sen precedentes en dúas décadas, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS).

A axencia, en colaboración con outros socios, quere pór en valor con motivo do Día Mundial da Malaria, o 25 de abril, a importancia de manter as medidas de prevención e atención fronte a esta enfermidade nunha rexión que sofre máis de 90% dos casos detectados a nivel mundial. Máis de dous terzos dos falecidos son crianzas menores de cinco anos.

A OMS mostrou a súa preocupación polos atrasos nas campañas de distribución de redes antimosquitos e de acceso ás medicinas antimaláricas, nun informe onde analiza as medidas que seguen 41 países e onde se expoñen nove posíbeis escenarios.

No peor deles, que contempla a suspensión de todos os programas de reparto de redes e un descenso de 75% no acceso aos medicamentos, unhas 769.000 persoas morrerían este ano por malaria na África subsahariana. A cifra, de confirmarse, duplicaría os falecidos de 2018.

"Fiestra de oportunidade"

A OMS instou a aproveitar a "fiestra de oportunidade" que supón a reducida cifra de contaxios de coronavirus que aínda hai en África, de tal forma que se "minimicen" as repercusións nos programas de prevención da malaria.

De feito, chamou a "acelerar" as campañas de control da doenza e a manter en calquera caso as terapias para embarazadas e crianzas. Ademais, lembrou que un diagnóstico rápido é "esencial" para evitar que os casos leves empeoren e corra perigo a vida do paciente.

Comentarios