Ofensiva apoiada polos EUA

Incursión de tanques turcos no norte de Siria

Tanques turcos entraron esta cuarta feira en territorio sirio nunha operación que Ankara apresenta como un ataque conxunto ao Estado Islámico e ás milicias curdas. Damasco condena a incursión como unha violación da súa soberanía.

Tanques turcos entran en Siria. 24 de agosto de 2016
photo_camera Imaxe tirada do twitter da incursión turca

Un discurso de Erdogan en Ankara anunciou a operación militar de Turquía no norte de Siria nun territorio en disputa entre o Estado Islámico e as milicias curdas. En teoría o target da ofensiva sería facerse co control da fronteiriza cidade de Jarablus, actualmente en mans do Daesh. Os curdos achan, en troca, que o que Turquía tenciona é que eles -após avanzaren nas últimas semanas- non se apoderen tamén dese enclave estratéxico.

A operación foi baptizada como Escudo do Eufrates e está sendo apoiada pola aviación da coligazón que lidera os EUA.

O bombardeamento do norte de Siria por parte de artillaría turca comezou moi cedo esta cuarta feira, segundo enviados especiais de Reuters.

O ministro de Asuntos Exteriores de Turquía, Mevlut Cavusoglu, advertiu ás milicias curdas que se sitúen ao leste do Río Eufrates ou, caso contrario, o seu exército "fará o que sexa necesario".

O Partido da Unión Democrática curdo, a organización que controla diversas cidades no norte de Siria e que ten lazos fraternos co PKK de Öcalan, afirmou através dun portavoz en Moscova que o obxectivo real de Ankara é evitar que as milicias curdas -após tomaren a cidade de Manbji- fixeran o propio coa de Jarablus.  

Comentarios