O Congreso de Perú rexeitou a madrugada deste sábado o proxecto de adianto das eleccións para outubro do 2023 que pedira a presidenta Dina Boluarte, como unha saída ás protestas antigobernamentais que están a decorrer no país desde os primeiros días de decembro do 2022.
A proposta foi rexeitada con 65 votos en contra, 45 votos a favor e 2 abstencións, a pesar do resultado, o titular do Congreso, José Williams, informou que a vindeira segunda feira se debaterá un pedido de reconsideración que se someterá a votación ese día.
Ao tratarse dunha reforma constitucional, a proposta debía contar co voto favorábel de 87 parlamentarios para ser aprobada.
Con 45 votos a favor, 65 en contra y 2 abstenciones, el #PlenoDelCongreso no aprobó el texto sustitutorio de los proyectos de ley 1897, 1918, y otros, que proponen establecer el proceso de elecciones generales para el 2023. pic.twitter.com/1KZogEfXim
— Congreso del Perú 🇵🇪 (@congresoperu) January 28, 2023
O proxecto de adiantar as eleccións xerais foi proposto polo presidente da Comisión de Constitución, o lexislador fujimorista Hernando Guerra García.
Os sectores de esquerda reclaman que se inclúa a Asemblea Constituínte e consideraron que a proposta das eleccións feitas polo Fujimorismo eran fraudulentas.
O proxecto presentado polo dereitista Hernando Guerra García sinalaba que o mandato de Dina Boluarte culminaría o 31 de decembro do 2023 para que o seu sucesor asuma funcións o primeiro día de 2024 até o 28 de xullo de 2029.
A presidenta Dina Boluarte instou a sexta feira o Congreso a que aprobe o adianto electoral para 2023, en resposta a unha das principais demandas das protestas, que tamén reclaman a súa renuncia, o fechamento do Congreso e a convocatoria a unha asemblea constituínte.