Ascenden a 60 os mortos nas protestas masivas no Perú

O ministro do Interior, Vicente Romero, sinalou que arredor de 3.700 manifestantes saíron ás rúas de Lima na xornada do venres.

Muller manifestándose o pasado 20 de xaneiro en Arequipa, Perú (Foto: Lucas Aguayo Araos / dpa)
photo_camera Muller manifestándose o pasado 20 de xaneiro en Arequipa, Perú. (Foto: Lucas Aguayo Araos / dpa)

Ducias de persoas resultaron feridas na noite do venres logo dunha nova xornada de manifestacións no Perú contra a presidenta interina Dina Boluarte. Desde que estalaron as mobilizacións o pasado 7 de decembro xa se confirmaron 60 persoas falecidas. Ademais, o Ministerio de Saúde informou de que 76 persoas tiveron que ser hospitalizadas desde o 4 de xaneiro, cando se proseguiron as protestas despois dun parón natalicio.

En Lima, onde se xuntaron miles de persoas que chegaron a pé e en autobuses, provenientes de distintas rexións do Perú, rexistráronse novos enfrontamentos con oficiais da Policía, que utilizaron gases lacrimóxenos para repeler os manifestantes.

O ministro do Interior, Vicente Romero, sinalou que arredor de 3.700 manifestantes saíron ás rúas e que se rexistraron 11 detencións, ascendendo a 378 as practicadas desde o comezo das protestas.

Ademais, indicou que un incendio sucedido na quinta feira, 19 de xaneiro, nun dos edificios máis históricos do Centro de Lima sería provocado polo uso de pirotecnia. “Os feitos serán investigados por unha unidade especializada”, sinalou.

Número de mortos "inaceptábel"

Pola súa parte, o enviado do alto comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, Christian Salazar, cualificou de “inaceptábel” o alto número de falecidos no medio da represión das protestas e insistiu na “importancia de realizar investigacións contundentes nestes casos”.

“As forzas de seguridade deben actuar conforme as normas e os estándares internacionais con respecto do uso da forza, o que implica que o seu uso se apegue aos principios de legalidade, proporcionalidade e necesidade, e as armas letais teñen que usarse exclusivamente para protexer ante un risco de morte”, resaltou.

Os peruanos exixen a renuncia da presidenta, Dina Boluarte, o peche do Congreso, eleccións anticipadas para este ano e a liberación do destituído mandatario Pedro Castillo. Tamén sumaron outras peticións, como a celebración dunha asemblea constituínte e “xustiza para os falecidos nas protestas”.

Comentarios