Boluarte desata unha represión indiscriminada na capital do Perú

A Policía peruana atacou un autobús cheo de pasaxeiros cunha bomba lacrimóxena, nunha escena que amosa a situación que están a padecer milleiros de peruanas e peruanos, reprimidos polo Executivo nunhas protestas que xa deixan máis de 60 falecidos.
Represión na madrugada da cuarta feira en Lima (Perú). (Foto: JuanZapata108)
photo_camera Represión na madrugada da cuarta feira en Lima (Perú). (Foto: JuanZapata108)

Malia a represión policial e militar no Perú que xa provocou a morte de máis de 60 persoas, mentres que 67 están hospitalizadas, o país amenceu onte con arredor dun centenar de cortes de estrada, incluído o dun dos principais accesos a Lima, a capital, onde até a madrugada da terza á cuarta feira se desenvolveu a principal mobilización, seguida en múltiples cidades, unhas marchas que volveron arrancar no novo día.

Amais do Exército, só en Lima foron despregados 14.000 policías, que protagonizaron múltiples escenas de represión por medio do uso dos perdigóns e das bombas lacrimóxenas especialmente. Recibiron disparos desde xornalistas a persoal médico voluntario que trataba de axudar os manifestantes feridos.

Unha das bombas lacrimóxenas lanzadas pola Policía acabou dentro dun autobús integrado no transporte público da cidade, cuxas pasaxeiras e pasaxeiros foron auxiliados pola cidadanía mentres os axentes reprimían as protestas na zona.

Ao tempo, varios participantes nas mobilizacións denunciaron que a Policía utilizou a violencia contra marchas que se estaban a desenvolver de forma pacífica. “Na práctica, a protesta pacífica non se permite en Lima”, asegura o xornalista Rodrigo Lazo.

Pola súa parte, transportistas de carga de Arequipa advertiron o Executivo de Dina Boluarte que estabelecerán un paro indefinido nas estradas no caso de que se ignoren as reclamacións das mobilizacións: liberación do ex presidente Pedro Castillo, renuncia de Boluarte, eleccións xerais inmediatas e o inicio dun proceso constituínte.

Entrementres, Boluarte segue a defender a actuación policial e militar, mantendo a mensaxe oficial de que as protestas están impulsadas por terroristas e grupos criminais.

Apenas sostida polas Forzas Armadas, que gozaron historicamente de impunidade á hora de reprimir as protestas sociais, os últimos chamamentos da presidenta, como unha tregua e o adianto electoral exixido ao Congreso, son ignorados.

Nese sentido, tivo que pedir desculpas após as críticas recibidas por racismo ao afirmar que "Puno non é o Perú", en referencia á violencia que atribúe á rexión, que sufriu arredor dun terzo dos asasinatos pola represión no último mes e medio.

Con relación ao lexislativo, controlado polas forzas conservadoras, “non hai vontade para adiantar as eleccións xerais para 2023, o único claro é que pretenden manterse nos seus postos como mínimo até xullo de 2024”, conclúe La República

Comentarios