venres 24/09/21

Inaugurado o ano xurídico cun Poder Xudicial cada vez máis cuestionado

Un acto formal no Tribunal Supremo vén de estrear o ano xudicial máis de mil días despois de que expirara o nomeamento da cúpula do Poder Xudicial actual. Todo isto no medio do descrédito do órgano, recoñecido polo propio presidente do alto tribunal, froito do intento do PP por manter unha composición favorábel perante os xuízos pendentes na súa contra.
Felipe VI e Carlos Lesmes antes do comezo do acto. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Felipe VI e Carlos Lesmes antes do comezo do acto. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Cando restan menos de tres meses para que as e os 20 vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) fagan o seu terceiro ano en activo co mandato caducado, Carlos Lesmes, o seu presidente e ao tempo o do Tribunal Supremo, presidiu acompañado do rei Felipe VI a apertura do ano xudicial esta segunda feira no Salón de Plenos do alto tribunal.

A renovación do Poder Xudicial, freada polo Partido Popular (PP) en diversas ocasións para manter a maioría conservadora, foi reclamada até polo propio Lesmes no seu discurso, cualificando a situación como “insostíbel para a xudicatura e para a propia sociedade, porque está incumprindo a legalidade”, e pedindo que se alcance “nas próximas semanas o acordo preciso para a súa renovación”.

Porén, isto non impediu que desde comezos de decembro de 2018 -cando expirou o seu mandato- até o 29 de marzo de 2021 -coa entrada en vigor da reforma do Poder Xudicial que lle impedía facer nomeamentos en funcións- foran cubertas 78 vacantes en postos chaves da Xustiza española polo CXPX, que pretendía colocar as súas candidaturas nas sete prazas pendentes de asignar no Tribunal Supremo, que ten que decidir sobre investigacións como a aberta en contra de Juan Carlos I por lavado de cartos, suborno, delito contra a facenda pública e tráfico de influencias.

Antes de presidir o Poder Xudicial, Lesmes desempeñouse como alto cargo no Ministerio de Xustiza durante as etapas dos tres titulares da institución no Executivo estatal de José María Aznar (PP): Margarita Mariscal de Gante, Ángel Acebes e José María Michavila. Despois deu o salto á Audiencia Nacional e ao Supremo, onde a renovación do CXPX coordinada por Mariano Raxoi na Presidencia, de maioría conservadora, situouno na súa posición actual.

“Boicotear e romper pontes”

Poucas horas antes do comezo do acto, Isabel Rodríguez, voceira do Goberno español e ministra de Política Territorial, fixo público o envío dunha carta a Pablo Casado, presidente do PP, para que “volva á senda da institucionalidade” e asuma a obriga constitucional de renovar o Poder Xudicial.

“A única estratexia de Casado é boicotear e romper todas as pontes que uniron este Estado na democracia”, sentenciou. Asemade, incidiu en que o PP ten que volver ao Pacto Antitransfuguismo, que abandonou en xullo cando a comisión de seguimento determinou que se valeu de tránsfugas para manter o poder na Rexión de Murcia.

Nestes termos tamén se expresou Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, e máis a ministra de Defensa, Margarita Robles, que non descartou a reforma do sistema de elección dos membros do Poder Xudicial, mais, en todo caso, iso só se producirá tras a renovación coas regras actuais.

O encargado de responder foi o secretario de Xustiza e Interior do PP, Enrique López, que se limitou a insistir en que non entenden os motivos polos que desde o Consello de Ministros non se apoia a reforma do sistema de elección, a pesar de recoñecer que non fixeron “ben as cousas” ao non modificar a lexislación cando gobernaban.

Tamén sostivo que teñen que “acertar máis” nas negociacións para a renovación, que o PP rachou en distintas ocasións con vetos a figuras como Ricardo de Prada, o xuíz que encabezou o caso Gürtel, sobre a corrupción no PP.

Reunión en Bruxelas

Tras enviar o 26 de xullo unha misiva ao Comisario de Xustiza da Unión Europea, Didier Reynders, a asociación xudicial Xuízas e Xuíces pola Democracia anunciou onte que o 20 de setembro terán unha reunión con el para abordar a situación de bloqueo do órgano.

Pendentes dunha negociación para a renovación quedan tamén institucións como o Tribunal Constitucional e o Tribunal de Contas.

comentarios