PP e PSOE abren a porta á renovación do Tribunal Constitucional e do de Contas

Esta cuarta feira decorreu a sesión de control ao Goberno estatal no Congreso, centrada na renovación pendente dos órganos constitucionais e na que tamén se abordou o caso Ghali.
O presidente do Estado, Pedro Sánchez, diríxese onte ao Congreso na sesión de control ao Goberno español. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do Estado, Pedro Sánchez, diríxese ao Congreso na sesión de control ao Goberno español. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Novo episodio na renovación dos órganos constitucionais estatais, cuxo mandato acumula tempo caducado: case tres anos no caso do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), arredor de dous anos no tocante a catro maxistradas e maxistrados do Tribunal Constitucional coma o presidente e a vicepresidenta, máis de catro anos a Defensoría do Pobo e desde o 23 de xullo o Tribunal de Contas.

Este proceso, que precisa unha maioría de tres quintos no Congreso e máis no Senado, foi bloqueado permanentemente polo Partido Popular (PP), que así mantén a primacía conservadora en órganos chave como o CXPX, encargado de elixir as e os xuíces do Tribunal Supremo e do resto do sistema xudicial.

Neste sentido, a sesión de control ao Goberno español desta cuarta feira no Congreso estivo marcada pola oferta de Pablo Casado, líder do PP, a Pedro Sánchez, presidente do Estado, para renovar todos os organismos pendentes agás o Poder Xudicial. “Ten oportunidade de contestar agora”, espetoulle.

E iso mesmo fixo Sánchez, abríndose a negociar ao tempo que reclamou ao PP que “non teña unha visión de sacar vantaxe da legalidade democrática”, solicitando que “cumpra coa lei e cumpra cos compromisos da Constitución”.

Máis explícito foi o ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Félix Bolaños, que anunciou pouco despois que chamaría o PP para propor unha xuntanza “hoxe mesmo [por onte]”, co obxectivo de anovar “todos” os órganos pendentes, “non só os que lle apeteza”.

“O PP semella que por fin rectificou a súa posición de bloqueo, e semella que por fin quere cumprir a lei, cando menos en parte”, asegurou, incidindo en que se van sentar coa formación maioritaria da oposición no Congreso, e a partir diso avaliarán o mellor xeito de proceder.

Con todo, o PP mantén a súa negativa a tocar o órgano de goberno da maxistratura, subliñando que só están dispostos a abordar esa cuestión se o PSOE acepta modificar a lexislación para que aumente a porcentaxe de asentos decididos pola xudicatura, algo que non fixo durante as súas etapas no Executivo español.

Caso Ghali

Outro dos asuntos que formaron parte da sesión de control no lexislativo foi o proceso xudicial no que está imputada a ex ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, Arancha González Laya, pola entrada no Estado en abril de Brahim Ghali, presidente da República Árabe Saharauí Democrática e líder da Fronte Polisario, para recibir atención hospitalaria.

O deputado do PP, Carlos Rojas, criticou a Pilar Llop, ministra de Xustiza, pola solicitude da Avogacía Xeral do Estado de arquivar a investigación que impulsa o Xulgado de Instrución 7 de Zaragoza, así como por pedir unha fianza de 150.000 euros para a acusación, encabezada por un ex deputado do PP e persoas próximas ao poder en Marrocos.

Porén, Llop negou ter dado ningunha clase de indicación á institución neste caso, “a Avogacía Xeral do Estado respecta o principio de legalidade dentro do marco das funcións que ten encomendadas. Nin instrución, nin indicacións, nin ordes. Nada”, sentenciou.

Calviño defende a resposta do Executivo á crise

A vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra de Asuntos Económicos e para a Transformación Dixital, Nadia Calviño, gabouse onte dos “dez tipos de medidas” postas en marcha polo gabinete -que amais foron ratificadas polo Congreso- en contraposición ás alternativas do Partido Popular.

Isto permitiu, sostivo, evitar unha caída do PIB superior ao 25% e a destrución de 3 millóns de empregos.

Comentarios