PSOE, PP e Vox botan abaixo a comisión de investigación sobre a espionaxe con 'Pegasus'

A comisión de investigación fora exixida e apoiada por ERC, BNG, Junts, PDeCAT, Bildu as CUP, PNV, Más País-Equo, e Unidas Podemos, que, pola contra, non apoiou a comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso.
O portavoz de Vox no Congreso, Iván Espinosa de los Monteros, e o seu homólogo socialista, Héctor Gómez. (Foto:  Eduardo Parra/Europa Press)
photo_camera O portavoz de Vox no Congreso, Iván Espinosa de los Monteros, e o socialista, Héctor Gómez. (Foto: Eduardo Parra/Europa Press)

O Partido Socialista (PSOE) votou xunto co Partido Popular (PP) e Vox para rexeitar unha comisión de investigación sobre a espionaxe realizada con Pegasus a persoeiros do independentismo catalán e integrantes do Goberno español, entre eles o presidente, Pedro Sánchez.

Neste sentido, os socialistas xustifican o voto en contra pola existencia da Comisión de Secretos Oficiais, encargada de recabar información sobre a espionaxe.

A votación en contra da comisión de investigación chega apenas 24 horas despois de que o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, informase nunha rolda de prensa que o presidente do Executivo estatal e a ministra de Defensa, Margarita Robles, tamén foron vítimas da espionaxe de 'Pegasus'.

A comisión de investigación fora exixida e apoiada por ERC, BNG, Junts, PDeCAT, Bildu as CUP, PNV, Más País-Equo, e Unidas Podemos, que, pola contra, non apoiou a comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso para dar explicacións, xa que, ao seu entender, "hai pasos que van antes".

Rexeitamento da postura do PSOE

Após a comisión fose tombada polo PSOE, os partidos que a exixían, na súa maioría integrantes do bloque da investidura de Pedro Sánchez, fixeron público o seu rexeitamento ao voto en contra dos socialistas.

O portavoz parlamentario de ERC, Gabriel Rufián, afirmou que o PSOE non é "consciente" das consecuencias do voto en contra. Para Rufián, "quen pense que isto non pode 'cargarse' a lexislatura, non está avaliando a magnitude do que temos en fronte".

O seu homólogo no PNV, Aitor Esteban, asegurou que os socialistas están "absolutamente equivocados", é argumentou a necesidade dunha comisión de investigación porque "agora a confianza quebrou". 

Pola súa parte, a portavoz de Bildu na Cámara baixa española, Mertxe Aizpurúa, cualificou como "lamentábel" o voto en contra do PSOE, e afirmou que debería ser "o primeiro interesado" en coñecer o ocorrido.

Comentarios