Estréitase a distancia entre populares e socialistas: o CIS coloca o PP apenas un punto por diante do PSOE

Un xornalista marcha ao exilio pola persecución da Xustiza española contra o independentismo catalán.
Estudo demoscópico do CIS correspondente a abril. (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Estudo demoscópico do CIS correspondente a abril. (Imaxe: Nós Diario)

En relación ao mes pasado, o PSOE incrementou a súa estimación de voto nunhas hipotéticas eleccións estatais en pouco máis dun punto, o que en paralelo a unha lixeira baixada do Partido Popular (PP) lle permite reducir a distancia cos conservadores, que serían primeira forza por apenas un punto porcentual (33,5% contra 32,5% dos sufraxios), trasladou a quinta feira o Centro de Investigacións Sociolóxicas español na súa sondaxe de abril.

A ultraespañolista Vox mantén a terceira praza case sen mudanzas no último mes, algo semellante ao que lle acontece á cuarta forza, Sumar. Porén, desde os comicios estatais do pasado ano perderían máis de dous e catro puntos respectivamente. A quinta praza sería para Podemos, que se presentara naquelas votacións con Sumar, e que subiría case un punto até 3,1%.

O CIS tamén revela que as dúas principais forzas soberanistas catalás, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Junts, están empatadas con 1,4% logo dunha desvantaxe de 0,7% en marzo a favor de ERC, despois do que o ex presidente catalán e candidato de Junts, Carles Puigdemont, confirmou que se presentará ás eleccións territoriais do 12 de maio.

No que atinxe a Euskadi, onde decorre a campaña electoral de cara ás eleccións do 21 de abril, sitúa o Partido Nacionalista Vasco (PNV) con apenas unha décima por diante de EH Bildu, e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) perdería unha décima mais seguiría por riba dos resultados de 2023.

Exilio

No mínimo oito das 12 persoas imputadas por terrorismo pola Xustiza española pola súa suposta relación coas protestas populares impulsadas por Tsunami Democràtic en Catalunya marcharon ao exilio, corroboraron medios estatais. Como pouco catro delas desprazáronse nos últimos meses, no contexto da ofensiva do sistema xudicial español, controlado polos conservadores, contra a lei de amnistía que se está a tramitar e que deixaría sen efecto a persecución da Xustiza contra independentistas catalás.

O anuncio de Oleguer Serra, dirixente de Òmnium Cultural, de que se exiliou en Suíza, onde tamén viaxou o deputado de ERC no Parlament Ruben Wagensberg e xa residía a secretaria xeral da formación, Marta Rovira, desencadeou que outras dúas persoas investigadas, Jesús Rodríguez e Josep Campmajó, confirmaran que tamén se atopan no país helvético. Rodríguez é xornalista no portal La Directa, e explicou que se exiliou “diante da ameaza de encarceramento”, o mesmo motivo de Campmajó, que se desempeña como empresario.

Ao tempo, Maciej Aleksander Szpunar, avogado xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (UE), defendeu que o Parlamento comunitario “violou o dereito da Unión” ao non permitir que Puigdemont e Antoni Comín (Junts) tomaran posesión do seu escano até medio ano despois de ser escollidos.

Comentarios