VÍDEO NO INTERIOR

Israel acrecenta a súa ameaza: "Atención, cidadáns de Gaza, o tempo esgótase. Marchen cara o sur"

O Exército israelí urxe a evacuación de todos os residentes do norte da Faixa, un aviso que a ONU e as oenegué consideran unha manobra ilegal de desprazamento forzado.
O portavoz do Exército de Israel Daniel Hagari. (Foto: IDF)
photo_camera Daniel Hagari, portavoz do Exército de Israel. (Foto: IDF)

"O tempo esgótase". O principal portavoz do Exército israelí, Daniel Hagari, vén de emitir unha mensaxe retransmitida a través das redes sociais das Forzas Armadas na que alerta a poboación palestina residente en Gaza dun inminente ataque terrestre. "Atención, cidadáns de Gaza, escoiten atentamente. Este é un aviso urxente do Exército de Israel. Pola súa seguridade, urximos todos os residentes no norte de Gaza que marchen cara ao sur", di no vídeo.

"Móvanse cara ao sur, pola súa propia seguridade. Non é unha mera precaución. É unha súplica urxente pola seguridade dos civís en Gaza", avisou Hagari, que falou tamén dunha "operación inminente do Exército israelí para neutralizar a ameaza de Hamás con precisión e intensidade".

Até o momento máis de 600.000 persoas tiveron que abandonar forzosamente os seus fogares. O portavoz hebreo asegurou de que "se trata dunha medida temporal" e que "o retorno ao norte de Gaza será posíbel unha vez conclúan estas intensas hostilidades" antes de denunciar os masacres cometidos polas milicias palestinas, coas de Hamás á cabeza. "Non o imos esquecer", afirmou.

Desde a ONU e diferentes organizacións humanitarias denunciaron esta "orde de evacuación" israelí como unha manobra ilegal de desprazamento forzado, parte dunha campaña de asedio que está a abocar os máis de dous millóns de residentes de Gaza a unha "catástrofe humanitaria", alertaron.

Os bombardeos das últimas horas, "os peores desde que comezou a guerra" segundo relataron varios residentes na Faixa, deixaron a pasada noite case 400 novas vítimas mortais, segundo as cifras achegadas polas autoridades palestinas.

Comentarios