O Ministerio de Saúde de Chile iniciou nesta segunda feira, 20 de abril, o reparto do chamado "Carné COVID-19", que permitirá identificar as persoas que superen a enfermidade ou estean inmunizadas ante o coronavirus.
O "pasaporte de inmunidade" entrégase ás persoas que superasen a enfermidade 14 días despois de mostrar os primeiros síntomas. Tamén ás que foron dadas de alta aínda con síntomas unha semana despois da súa saída do hospital, segundo explicou o ministro de Saúde, Jaime Mañalich.
Tamén poderán solicitar a identificación as persoas que pasaron o virus de forma asintomática tras estaren en contacto con enfermos de coronavirus, como o persoal sanitario. Para isto será necesario detectar a presenza de anticorpos no sangue mediante unha proba.
Os pacientes cos sistema inmunolóxico comprometido, como os pacientes con cancro, terán que esperar 28 días sen síntomas para solicitar o pasaporte. E os traballadores sanitarios serán avaliados cada 15 días para poder presentar unha solicitude.
Dúbidas
Mañalich sinalou que, a través deste pasaporte, o Goberno identificaría persoas que "con altísima probabilidade" xa tiveron o virus e non son capaces de transmitilo a outros. As autoridades sanitarias teñen "que tomar decisións que se basean en probabilidades que se achegan a unha certeza", afirmou.
Preguntado en conferencia de prensa por este "carné COVID-19", o director de emerxencias da OMS, Mike Ryan, advertiu que, polo momento, a evidencia non demostrou que unha persoa que dea positivo en anticorpos do coronavirus desenvolva unha inmunidade ante a enfermidade.
Outra das preocupacións que se manifestaron en Chile a respecto deste pasaporte é que se xere un mercado negro.