Catalunya homenaxea Maciá no 90 aniversario do seu pasamento

A casa de verán do ex presidente será un museo.

Aragonés 1
photo_camera Peré Aragonès intervindo na homenaxe a Macià. (Foto: ERC).

Catalunya homenaxeou na segunda feira, e con diversos actos, Francesc Macià. Referencia inescusábel da loita nacionalista nas tres primeiras décadas do século XX, após pasar varios anos no exilio en abril de 1931, proclamou a república catalá, ocupando a presidencia da Generalitat entre ese ano e a súa morte o 25 de decembro de 1933.

Precisamente, uns meses antes do seu falecemento, en xullo de 1933, recibiu na sede do Goberno catalán a Daniel Castelao e a Ramón Otero Pedraio, participando do impulso ao movemento de Galeusca.

O actual presidente da Generalitat, Peré Aragonès (ERC), encabezou o acto institucional de homenaxe no cemiterio barcelonés de Montjuïc. Alí, presentou Macià como unha "persoa progresista, un catalán de esquerdas, republicano e que defendía a independencia de Catalunya". Neste sentido, asegurou que estes "son os principios que continuamos" desde o Executivo catalán.

Aragonès anunciou durante a súa intervención a compra da casa de verán de Macià para dedicala a espazo da memoria. A este respecto, asegurou que “será un espazo de memoria para homenaxear o presidente Macià durante todo o ano".

A Generalitat destina a esta actuación máis de un millón de euros, 920.000 dos cales destinaranse á compra e restauración do inmóbel e 120.000 á súa conversión nun centro de interpretación da figura e da loita de Macià.

Junts per Catalunya

Junts per Catalunya achegouse, tamén, a tumba de Macià para lembralo. Nun acto que xuntou ducias de militantes, a presidenta da formación, Laura Borràs, afirmou que “Junts, como Macià, mantén os seus referentes e obxectivos intactos" e indicou que "honramos a memoria de quen proclamou a República Catalá e restaurou á Generalitat. Honramos a memoria das nosas institucións e o noso pobo".

Pola súa parte, o secretario do partido, Jordi Turull, aseverou que "Macià volveu coas conviccións intactas, como o fará o presidente Puigdemont cando volva do exilio".

Comentarios