Sánchez e Aragonès pactan garantir o uso das linguas cooficiais para dirixirse á Administración estatal

A próxima reunión da mesa de diálogo será o primeiro trimestre de 2024.
Pedro Sánchez e Pere Aragonès, hoxe en Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Pere Aragonès, hoxe en Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O presidente catalán, Pere Aragonès (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC), e o español, Pedro Sánchez (PSOE), reuníronse hoxe en Barcelona, onde fecharon cinco acordos, entre eles a convocatoria dunha nova xuntanza da mesa de diálogo bilateral no primeiro trimestre de 2024, que sería a primeira nesta lexislatura.

Asemade, pactaron unha lei orgánica de garantía do plurilingüismo para levar a práctica “o dereito da cidadanía a dirixirse á Administración do Estado en linguas cooficiais” coa intención de “protexelas e fomentalas”, incidiu Sánchez.

Namentres, Aragonès salientou que servirá para “preservar o sistema de educación en Catalunya” e os dereitos das persoas catalanfalantes no sistema xudicial.

Ferrocarrís

O resto dos acordos refírense a un calendario para implementar o traspaso do sistema de ferrocarrís de proximidade á Generalitat, o traspaso da xestión do Ingreso Mínimo Vital e o desenvolvemento dun centro tecnolóxico de preprodución de chips.

No encontro, o mandatario estatal ofreceu un pacto para reformar o financiamento autonómico e reforzar o autogoberno, mais rexeitou o referendo de autodeterminación que o Goberno catalán reclama. Aragonès fixo fincapé na necesidade dun “financiamento singular” que outorgue ao seu Executivo soberanía fiscal.

'Lawfare'

Arredor das comisións de investigación no Congreso sobre o lawfare, o uso do sistema xudicial para perseguir opoñentes políticos, pactadas entre PSOE e Junts, o Consello Xeral do Poder Xudicial insistiu en que as e os maxistrados non teñen obriga de comparecer, algo no que coincidiu o ministro de Xustiza, Félix Bolaños, do PSOE.

Comentarios