venres 25/06/21

Castillo, por diante dunha Fujimori que denuncia fraude sen evidencias

Os observadores electorais non ven ningún indicio.
EuropaPress_3763368_06_june_2021_peru_lima_peruvian_voter_casts_her_ballot_during_the_runoff_in
Unha cidadá votando en Lima o pasado domingo (Foto: Carlos Garcia Granthon / ZUMA)

Na súa primeira comparecencia pública tras a xornada electoral, a candidata de Forza Popular á Presidencia do Perú, Keiko Fujimori, denunciou "indicios de fraude" na segunda volta dos comicios que, a falta de escasas papeletas por contar, dan como gañador o candidato de Perú Libre, Pedro Castillo. 

En concreto, Fujimori fixo referencia "ao proceso de impugnacións de actas" que "tratan de evitar que as actas que teñen maior votación para Forza Popular sexan contabilizadas". A impugnación de actas non supón ningún tivo de irregularidade, Fujimori pediu que se difundisen vídeos ao respecto nas redes sociais, e promocionou a etiqueta #FraudeEnMesa.

Os equipos de observación electoral non se fixeron eco destas reclamacións nin tampouco denunciaron outro tipo de incidentes relacionados cunha suposta fraude electoral.

Iván Lanegra, secretario xeral da Asociación Civil Transparencia do Perú, asegurou que as denuncias por posíbeis irregularidades non son indicio de fraude. 

Tamén a misión electoral da Organización de Estados Americanos (OEA) felicitou ao Perú por unha xornada "pacífica" e pediu aos candidatos que manteñan a "actitude democrática".

"Cabe lembrar que aínda quedan pendentes de procesar actas a nivel nacional e do estranxeiro, así como as actas observadas que serán desafogadas nos xurados electorais especiais", apuntou a misión da OEA.

Rural e estranxeiro

Os últimos datos da Oficina Nacional de Procesos electorais (ONPE), con 97,578% de actas procesadas e 95,968% contabilizadas, reflectían unha vantaxe de Castillo de 73.401 votos (8.607.037, 50,214%) sobre Fujimori (8.533.636, 49,786%). Fican votos do rural e do estranxeiro, que se prevé favorezan a un e a outra, respectivamente.

comentarios