A dereita gaña en Ecuador e a esquerda lidera o escrutinio para a segunda volta en Perú

Lasso, banqueiro, conservador e do Opus Dei, impúxose nas eleccións ecuatorianas. Pedro Castillo, mestre e sindicalista de esquerdas, é o máis votado nos primeiros escrutinios da primeira volta dos comicios peruanos.

Pedro Castillo, ex presidente do Perú (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pedro Castillo, candidato de esquerdas de Perú.

Guillermo Lasso gañou as eleccións en Ecuador ao se impor na segunda volta a Andrés Arauz, candidato da esquerda e que vencera contundentemente na primeira volta das eleccións. Porén, e contra prognóstico, o banqueiro dereitista e membro do Opus Dei venceu. 52,5% fronte ao 47,5%, cinco puntos de diferencia.

Na primeira volta, Lasso atinxira apenas 20% dos votos fronte aos case 38% de Arauz. Daquela, Lasso tivo que pelexar por pasar á segunda volta co candidato do movemento indíxena ‘Pachakutik’, Yaku Pérez, que lograra 19,3% dos apoios nas urnas.

Os resultados do domingo semellan indicar que boa parte dos votantes do movemento indíxena decantáronse polo candidato da dereita.

Lasso, no seu discurso após se coñecer os resultados, chamou á “unidade” e comprometeu un país “libre e democrático” que traía a “prosperidade”. Arauz, pola súa parte, recoñeceu a derrota e chamou a “construir consensos”.

Perú

En Perú, e co 63% escrutado, o esquerdista Pedro Castillo está en primeiro lugar con 16,7% das preferencias electorais mentres o economista Hernando de Soto (neoliberal) ten 13,1. De se manter así, estes dous serían os candidatos que pasarían a segunda volta.

Así mesmo, no terceiro lugar aparece a lideresa de Forza Popular (dereita conservadora), Keiko Fujimori, cun 13% e no cuarto o candidato de Renovación Popular, Rafael López  Aliaga (extrema dereita, con 12,7%).

Comentarios