Miquel Roselló: “A Unión Europea subordínase de xeito vergoñento a OTAN”

O vindeiro 23, 24 e 25 de xullo desenvólvese en Santiago de Compostela a terceira escola do Foro Soberanista. O encontro, promovido por máis de 20 fundacións de organizacións nacionalistas do conxunto do Estado, céntrase nas mudanzas do mundo actual. O presidente do Foro, Miguel Roselló, analiza para Nós Diario os obxectivos do mesmo así como a conxuntura política.

Miquel Roselló
photo_camera Miquel Roselló

Que é o Foro Soberanista e por que organiza esta escola?

O Foro Soberanista é unha asociación que agrupa fundacións e entidades dedicadas á reflexión, a investigación social e a económica, a defensa do dereito de autodeterminación dos pobos, en definitiva o seu espazo de actuación é a loita das ideas.O Foro agrupa nestes momentos algo máis de 20 fundacións e entidades no marco do Estado español. Entre elas hainas ligadas a diferentes partidos soberanistas, outras a sindicatos e algunhas sen ningunha vinculación.Desde o 2016 que se celebrou o primeiro encontro en Barcelona, a iniciativa do CIEMEN, o Foro foi crecendo en socios e en actividades realizadas.

A formación foi unha das áreas prioritarias que desenvolveu, por iso en Santiago celebramos este mes de xullo a 3ª Escola Soberanista. A primeira foi en Donostia o 2020 e o ano pasado a segunda tivemos que facela online pola pandemia. Ademais das escolas, organizamos xornadas de formación.A parte das tarefas formativas realizamos varios encontros anuais para a posta en común de información e experiencias. Así como debates sobre temas que consideramos de importancia para o noso espazo.Estes anos de existencia permitiron unha consolidación do Foro é un maior coñecemento do mesmo entre os distintos soberanismos periféricos do ámbito estatal, aínda que somos moi conscientes que o traballo que temos por diante é moito e estamos convencidos que necesario.

O eixo reitor destas xornadas son as mudanzas no mundo actual, cales considera como máis relevantes?

Sen dúbida os cambios na correlación de forzas internacional. Ese tránsito que parece abrirse entre un mundo multipolar e un retorno á bipolaridade. O fortalecemento da OTAN baixo a indubidábel hexemonía dos Estados Unidos, á que se subordina de xeito vergoñento a Unión Europea e a perigosa deriva que considera inimigos “da democracia” a todos os que non se sitúan baixo o paraugas da OTAN. Ou conseguimos romper esta dinámica ou a busca de Estados Unidos do liderado mundial indiscutido pódenos provocar moitos desgustos, máxime cando nos movemos nun mundo cheo de armas nucleares.

Esta dinámica conduce ao armamentismo, en detrimento de a loita contra a pobreza. A loita pola paz volverá ser un eixo central das políticas progresistas.

A conxuntura económica e o modelo enerxético son dous aspectos que van a someter a debate, até que punto a crise non paralizou o proceso de transición enerxética situando as prioridades noutra esfera?

Por suposto este é un bo exemplo de como os cambios que se están producindo no escenario mundial e que afectan moi negativamente na conxuntura económica da Unión Europea poden torcer os obxectivos que se empezaban a marcar, entre eles a transición enerxética cara á descarbonización. Unha vez mais os grandes poderes económicos mundiais sitúannos entre a disxuntiva de encartarnos ás urxencias da conxuntura económica ou por contra manter firme o temón dunha estratexia que nos debe permitir combater o cambio climático e afrontar con audacia as necesidades das xeracións futuras.

Os cambios xeopolíticos non avanzan na solución de vellos conflitos nacionais, que queren visualizar coa presenza dunha representación Palestina, do Sáhara e do Kurdistan?

Efectivamente esta é unha mais das consecuencias nefastas dos cambios xeopolíticos, aos que me refería antes.

EEUU leva tempo rompendo a unión dos países árabes, achegando algúns deles a Israel e por suposto ao seu propio país. Empezou con Trump e continua a mesma liña o “demócrata Biden”. O novo líder do “mundo libre”  apadriña países árabes que de demócratas non teñen nada, pero o importante é a hexemonía mundial e para iso o petróleo, dá o mesmo que sexa á conta de deixar aos palestinos aos pés dos cabalos.

Igualmente xera bochorno o cambio de rumbo de Pedro Sánchez respecto a Marrocos. Para o Presidente do “Goberno mais progresista de España” é mais importante que Marrocos protexa as súas fronteiras do sur, ao prezo que sexa, como se viu non fai moito en Melilla, ou poderse fotografar entre a plana maior da OTAN, xunto a Biden, que seguir defendendo o dereito de autodeterminación do pobo Saharauí.

E que dicir do espectáculo que supón unha asemblea que ten como obxectivo “a defensa da democracia no mundo” aceptando as condicións de Turquía para o ingreso na OTAN de Suecia e Finlandia que non son outras que deixarlle as mans libres para seguir masacrando ao pobo kurdo

Unha das cuestións que lles preocupa é o avanzo da extrema dereita, até que punto a súa expresión española non presenta unhas características propias definidas polo chauvinismo?

O avance da extrema dereita é un risco serio para a democracia en Europa, en Estados Unidos e no Estado español e por tanto a loita contra este fenómeno debe ser unha das preocupacións centrais dos soberanistas e dos demócratas en xeral.

No Estado español a extrema dereita ten como característica fundamental que son os herdeiros directos do franquismo e en consecuencia son defensores sen concesións do españolismo mais antidemocrático e do machismo mais radical.

Un dos debates importantes do encontro está centrado no problema nacional en Europa, con Escocia preparando un novo referendo ou con Irlanda a piques de ser gobernada polo Sinn Fein, cree que os pobos están diante dunha ventá de oportunidades?

Os dous exemplos dos que me falas son unha mostra de que aos pobos sen Estado ábreselles unha ventá de oportunidades. Pero xunto a estes hai outros que van na mesma dirección. Na Francia centralista o exemplo de Córsega destaca con forza e no Reino Unido o crecemento do soberanismo en Gales non é depreciábel. No propio marco do Estado Español o soberanismo na Galiza e País Vasco son a primeira forza da oposición e en Catalunya, Pais Valencià, Canarias  e Illes Balears participan de coalicións de Goberno, mentres en Andalucía, nunhas condicións moi malas para a esquerda en xeral, lograron fichar como forza soberanista propia.

Non deberiamos esquecer, que mentres as esquerdas socialdemócratas e alternativas estatais no marco europeo, non pasan polo seu mellor momento, os diversos soberanismos van á alza. Aspecto que tampouco deberiamos desligar das crises polas que atravesa a chamada globalización. O local no marco económico e os soberanismos no político teñen mellor saúde

Comentarios