Cando e como intervirá Bruxelas o mercado eléctrico europeo?

A Comisión Europea prepara unha operación en dúas fases.
O portavoz da Comisión Europea, Eric Mammer. (Foto: Comisión Europea)
photo_camera O portavoz da Comisión Europea, Eric Mammer. (Foto: Comisión Europea)

Despois de que a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, anunciase esta segunda feira que Bruxelas prepara unha intervención “de emerxencia” no mercado eléctrico, comezan a coñecerse os primeiros detalles desta medida que intenta paliar os efectos da crise de prezos enerxéticos.

Segundo detallou o Executivo europeo, está previsto que a intervención conste de dúas fases. Na primeira, que podería aplicarse en “semanas”, Bruxelas presentará un mecanismo co que sortear a “chantaxe enerxética” da que a Comisión Europea acusa a Rusia, así como os efectos máis inmediatos do encarecemento do prezo do gas e da electricidade.

Co obxectivo de avanzar neste mecanismo, a República Checa, que ocupa a presidencia semestral da Unión Europea (UE) convocou para o vindeiro 9 de setembro o Consello de Enerxía do organismo,  integrado polos ministros e ministras de Economía dos Estados membros.

Nun chío de Twitter, o titular checo de Enerxía, Josef Zíkela, anunciou a convocatoria “dunha reunión extraordinaria do Consello de Enerxía [da Unión Europea]”. Para o ministro, “debemos arranxar o mercado enerxético. Unha solución a nivel da UE é de lonxe a mellor opción que temos”.

O portavoz do Executivo europeo, Eric Mammer, non confirmou se a primeira fase estará lista para cando se produza a reunión. Nunha comparecencia esta terza feira, só indicou que os responsábeis de Enerxía avaliarán “distintos posíbeis modelos” que poidan adecuarse á situación actual da Unión Europea.

Segunda fase

Para a segunda fase, a Comisión Europea calcula que deberemos agardar até 2023. A intención é aplicar un conxunto de medidas estruturais que permitan unha reforma total do mercado eléctrico. O principal foco está posto no sistema de fixación de prezos, que podería ser cambiado por un novo mecanismo.

“Necesitamos ter en conta dous elementos. Por unha parte, a gravidade da situación e as consecuencias para os consumidores e a industria. Por outra parte necesítase unha proposta que se axuste á complexidade do noso mercado enerxético, e en particular da electricidade, así que é importante tomarse o tempo necesario para que as nosas propostas respondan a estas dúas dinámicas”, detallou Mammer.

Comentarios