Carlos III, proclamado novo monarca mentres agroma un republicanismo aínda minoritario no Reino Unido

"Sei canto vostedes, a nación enteira e diría que todo o mundo, simpatizan comigo nesta irreparábel perda que sufrimos", dixo o rei, sobre o pasamento da súa nai, Isabel II.
Cerimonia de proclamación de Carlos III, este sábado, en Londres. (Foto: Jonathan Brady / PA Wire)
photo_camera Cerimonia de proclamación de Carlos III, este sábado, en Londres. (Foto: Jonathan Brady / PA Wire)

Charles Philip Arthur George foi proclamado na mañá deste sábado novo rei do Reino Unido, un cargo que ostentará baixo o nome de Carlos III tras o pasamento da súa nai, Isabel II, na pasada quinta feira.

Dado que era o primeiro na liña sucesoria da Coroa británica, non había lugar a sorpresas este sábado, se ben a proclamación non tornou en anuncio oficial até que así o decidiron os membros do chamado Consello de Acceso.

Este órgano con máis de 300 anos de historia está integrado por relevantes figuras sociais e políticas do país e representantes das 14 nacións que conforman a Commonwealth.

En primeiro lugar, a presidenta designada para este consello pola primeira ministra —Liz Truss—, Penny Mordaunt, oficializou a morte de Isabel II, e nun segundo acto, o secretario do Consello proclamou Carlos III novo rei.

"Sei canto vostedes, a nación enteira e diría que todo o mundo, simpatizan comigo nesta irreparábel perda que sufrimos", dixo o monarca, sobre a súa nai.

A oposición republicana suma apoios

Tal e como relata a prensa británica, o afecto que moitos e moitas cidadás do Reino Unido sentían cara a Isabel II contiña os sentimentos republicanos en boa parte do país, se ben agora poderían agromar após a fin do seu reinado, se ben se trata aínda de sectores minoritarios.

As últimas enquisas en Inglaterra dan un apoio maioritario á opción monárquica, de até 80% segundo algunhas empresas de sondaxe, se ben noutros territorios como Irlanda do Norte, onde os republicanos do Sinn Féin veñen de gañar as eleccións, ou Barbados, que o pasado ano tornou en república.

"A raíña é a monarquía para a maioría da xente e despois de que ela morra, a institución estará en perigo. Carlos poderá herdar o trono, mais non a deferencia e o respecto dela", sinalaba a comezos deste ano Graham Smith, director executivo da organización 'Republic'.

Este mesmo colectivo dixo, após coñecerse a noticia: "Non queremos outros 70 anos. É hora da república. Cómpre desmitificar a monarquía e impulsar o debate sobre un modelo constitucional alternativo".

Comentarios