Loito no Reino Unido até unha semana após o funeral de Isabel II

Carlos III será este sábado proclamado rei, dous días despois do pasamento de Isabel II.
Un policía coloca flores á porta do palacio de Buckingham (Londres). (Foto: Elisa Bermudez / Europa Press)
photo_camera Un policía coloca flores á porta do palacio de Buckingham (Londres). (Foto: Elisa Bermudez / Europa Press)

Entre comunicados de pésame e declaracións de dó en varios Estados e territorios do planeta, o proceso planificado en Gran Bretaña para as honras fúnebres da raíña Isabel II continuou onte, tras o seu falecemento na tarde da quinta feira.

Pola mañá, o palacio de Buckingham anunciou que a decisión do novo monarca, Carlos III, é que “o período de loito se respecte desde agora até sete días despois do funeral” (aínda sen data), coas bandeiras colocadas a media hasta.

Ademais, a partir das 13 horas comezaron os disparos na súa honra en Hyde Park e a Torre de Londres, na capital británica, un por cada un dos seus 96 anos de vida, que lle permitiron converterse na monarca máis lonxeva de Gran Bretaña, superando as sete décadas na Xefatura do Estado. Os voceiros reais apuntaron que as súas residencias estarán fechadas cando menos até o final do funeral.

Segundo o protocolo difundido por The Guardian arredor dos plans previos para o falecemento de Isabel II, este sábado debería chegar o seu corpo ao palacio de Buckingham, e a partir da semana que vén será exposto no palacio de Westminster para que a cidadanía poida ofrecerlle os seus respectos. O seu enterro producirase no castelo de Windsor, onde repousa o seu marido, o príncipe Felipe.

No que respecta ao novo monarca, reuniuse onte en Londres coa primeira ministra, Liz Truss, coa que tivo a súa primeira audiencia. Posteriormente, Truss incidiu en que a defunta soberana foi “o alicerce sobre o que se construíu o Reino Unido moderno”.

Pola tarde, o primoxénito de Isabel II, Carlos III, ofreceu o seu primeiro discurso como xefe de Estado, comprometéndose a defender "os principios constitucionais no corazón da nosa nación". Amais de salientar o amor polos seus fillos, anunciou que o actual herdeiro, Guillerme, asumirá o Principado de Gales. "Grazas polo teu amor e devoción á nosa familia", indicou en referencia á nai.

A pesar de que coa morte da súa predecesora o ascenso de Carlos, de 73 anos, é automático, a proclamación formal efectuarase ás 10 da mañá deste sábado na xuntanza do Consello de Ascensión, conformado por até 600 membros dos poderes públicos do país e da Commonwealth. Así e todo, a cerimonia de coroación adiarase como pouco varios meses.

Comentarios