Bukele proclama a súa vitoria nas eleccións presidenciais do Salvador

Contundentes primeiros resultados

O presidente do Salvador, Nayib Bukele, é acusado de perpetrar violacións dos dereitos humanos. (Foto: Camilo Freedman / dpa)
photo_camera O presidente do Salvador, Nayib Bukele, nunha parada militar (Foto: Camilo Freedman / dpa)

Tal e como apuntaban todas as enquisas, Nayib Bukele arrasou no reconto das eleccións presidenciais celebradas este domingo no Salvador.

Cun 31% de votos escrutados, o candidato do gobernante partido Novas Ideas conta cun esmagador apoio de case 1.300.000 votos. A enorme distancia en segunda posición atópase Manuel Flores, aspirante do FMLN, con 110.000 votos.

“Este día, O Salvador rompeu todos os récords de todas as democracias en toda a historia do mundo”, asegurou Bukele tras coñecerse os primeiros resultados.

“Nunca un proxecto gañou coa cantidade de votos que gañamos este día. É literalmente a porcentaxe máis alta de toda a historia”.

O seu apoio popular está edificado arredor do réxime de excepción instaurado en marzo de 2022 e que foi prorrogado en máis dunha vintena de ocasións, o que lle outorgou os poderes para militarizar o país e lanzar unha guerra contra as bandas armadas que xerou unha redución da taxa de homicidios desde os 38 por cada 100.000 habitantes de 2019, cando chegou á Presidencia, até o 2,4 do pasado ano.

A diminución da criminalidade produciuse á custa de masivas violacións de dereitos humanos, especialmente por detencións arbitrarias. Máis de 75.000 persoas foron arrestadas ao longo do estado de excepción, 7.000 delas postas en liberdade condicional, un número semellante ao de inocentes detidas segundo as autoridades. Máis de 200 persoas morreron baixo custodia do Estado e Amnistía Internacional estimou que 2% da poboación salvadoreña estaba presa.

O estado de excepción foi activado despois da ruptura do entendemento entre Bukele e os grupos armados, ou maras, como se coñecen en varios Estados centroamericanos. O presidente, como xa fixeran outros Executivos no pasado, negociou con elas un acordo para que non se disparasen as cifras de homicidios. Precisamente, o apoio das bandas foi clave para que Novas Ideas lograra a maioría absoluta no Parlamento en 2021.

Comentarios