A lea AstraZeneca-UE ensaríllase máis

A primeira hora de mañá, a Comisión Europea comunicaba que AstraZeneca lle trasladara que non se presentaría á reunión convocada, e á primeira hora da tarde, a farmacéutica corrixía o Executivo comunitario. De fondo, un conflito polas insinuacións da UE de que a compañía vendeu doses a outros países.
EuropaPress_3501067_02_january_2021_england_haywards_heath_doses_of_the_oxford
photo_camera Doses da vacina de AstraZeneca/Universidade de Oxford contra a Covid-19, almacenadas nun hospital de Haywards Heath, en Inglaterra (Gareth Fuller / PA)

"A reunión do comité está prevista para esta tarde e esta mañá o representante da empresa anunciou que non estará presente. É o único que podemos dicir agora mesmo", dixo unha portavoz da Comisión Europea. Horas despois, AstraZeneca corrixía a información e confirmaba que participaría na reunión co Executivo comunitario e cos Estados membros para analizar os atrasos no reparto das doses da súa vacina na UE.

Bruxelas está a presionar para que a compañía publique o contrato asinado dado o seu descontento ante as explicacións ofrecidas polos problemas na distribución. Porén, unha cláusula de confidencialidade impide revelar os detalles do acordo. 

Nunha entrevista, hoxe, no xornal español El País, o director executivo de AstraZeneca, Pascal Soriot, asumiu a responsabilidade do atraso, mais aclarou que a UE contratou a entrega das vacinas tres meses despois que o Reino Unido. Nese sentido, lembrou que "a vacina foi desenvolvida co Goberno do Reino Unido, a través da Universidade de Oxford. Estabeleceron que os primeiros envíos serían para eles, e creo que é xusto". Ademais, afirmou: "Non é certo que desviemos a vacina de Europa a outros países para sacar beneficio". 

Noutra entrevista, un día antes, no italiano La Repubblica, Soriot aclaraba que a produción estaba "basicamente dous meses detrás de onde quereriamos que estivese". O contrato asinado en agosto entre a UE e AstraZeneca estipulaba a entrega de 300 millóns de doses, cunha opción a 100 millóns máis, mais a compañía comunicou un problema nas dúas plantas de produción, na dos Países Baixos e na de Bélxica. 

A vacina da compañía anglo-sueca non foi aínda aprobada pola Axencia Europea do Medicamento (EMA), que o fará nos próximos días. Con todo a aparente falla de eficacia entre os maiores de 65 anos fai probábel que este grupo de idade fique excluído da aprobación, segundo varios expertos citados por medios internacionais. 

En calquera caso, así se lle dea luz verde, a UE conta con que arredor de 80 millóns de doses cheguen aos 27 membros ao longo do mes de marzo. "O obxectivo é entregar 17 millóns de doses en febreiro. Iso suporá, aproximadamente, uns tres millóns para Alemaña, 2,5 millóns para Italia e uns 2 millóns para España, por exemplo", declarou o director executivo de AstraZeneca.

Pfizer/BioNTech

Tamén o fármaco de Pfizer/BioNTech, que ten contratada con Bruxelas unha produción aínda maior, está a ter problemas coas entregas. Onte a farmacéutica francesa Sanofi ─con problemas no desenvolvemento da súa propia vacina─ informaba que acordara a cesión á alemá BioNTech da súa planta en Frankfurt para producir 125 millóns de doses en 2021, aínda que esta non comezará até o verán.

A UE comprou 600 millóns de doses da vacina de Pfizer/BioNTech, mais a compañía non cumpriu co compromiso de entregar 12,5 millóns en 2020. Pfizer explicou que os atrasos se debían a que a planta belga de produción vira superada a súa capacidade. Con todo, o director de BioNTech e un dos pais da vacina, Uğur Şahin, criticou nunha entrevista no periódico alemán Der Spiegel que a UE asumira erradamente que varias vacinas estarían listas de inmediato polo que dividiu a compra entre varias compañías. A estas palabras, o portavoz da Comisión en temas sanitarios, Stefan de Keersmaecker, respondeu sinalando que a filosofía seguida pola UE fora a de "non pór todos os nosos ovos nun mesmo cesto".

Na terza feira, nunha intervención no Foro Económico Mundial, a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, afirmou: "Europa investiu miles de millóns en axudar ao desenvolvemento da primeira vacina para a Covid-19 do mundo. Para crear un ben común realmente global. E agora, as compañías deben entregalas. Deben honrar as súas obrigas".

Segundo as últimas informacións, algúns Estados da UE están a valorar a posibilidade de levar AstraZeneca ante a xustiza. É o caso de Italia, segundo comunicou o primeiro ministro, Giuseppe Conte, o pasado domingo. Tamén o de Letonia: o seu ministro de Exteriores, Edgars Rinkevics, declarou á axencia Reuters que "a posibilidade debería ser sopesada, e debería ser coordinada entre os países da UE".

A Comisión traballa nunha proposta para exixir ás farmacéuticas que rexistren calquera exportación de vacinas que fagan fóra das fronteiras comunitarias, co obxectivo de que haxa maior transparencia. Mais non de vetar as exportacións, aclarou o comisario de Comercio, Valdis Dombrovskis, tranquilizando os defensores a ultranza en Bruxelas do libre comercio; e en contra do criterio de Alemaña, que avoga ─como en primavera coas máscaras─ por un control da venda de vacinas fóra das fronteiras da UE.

Medra a fenda entre países ricos e pobres

O director da OMS, Tedros Adhanom, volveu denunciar esta semana a desigualdade na vacinación entre os países ricos e os menos desenvolvidos. Tamén a directora de ONU Sida, Winnie Byanyima, que o cualificou de "apartheid de vacinas". "Os ricos discuten entre eles a súa asignación e os demais sentan a mirar", dixo.

Comentarios