venres 17.01.2020
12-D

Eleccións xerais no Reino Unido: Brexit e Escocia pesan nas papeletas

Todo indica que o actual primeiro ministro, Boris Johnson, recuncará no cargo. As últimas enquisas danlle unha vantaxe de entre oito e doce puntos sobre o laborista Jeremy Corbyn. Tamén apuntan unha folgada vitoria do nacionalismo escocés, mais a polarización sobre temas clave e o sistema electoral poden dar sorpresas.
Boris Johnson, actual primeiro ministro e firme defensor do Brexit, necesita chegar á maioría absoluta para culminar a saída da UE [Europa Press]
Boris Johnson, actual primeiro ministro e firme defensor do Brexit, necesita chegar á maioría absoluta para culminar a saída da UE [Europa Press]

A cidadanía do Reino Unido está chamada esta quinta feira, 12 de decembro, ás urnas para elixir os seus representantes no Parlamento británico. Cada circunscrición electoral, das 650 con que conta, elixe un único representante do seu distrito para a Camára dos Comúns. Xa que logo, son 650 os escanos con que conta, repartidos entre as tres nacións da Gran Bretaña: Inglaterra (533), Escocia (59) e Gales (40), e mais o territorio de Irlanda do Norte (18).

Nestas 650 circunscricións, de arredor de 35.000 votantes cada unha, o partido con máis votos logra o escano. Isto que significa? Que a fragmentación do voto beneficia os favoritos en cada distrito, sexan tradicionalmente conservadores, laboristas ou, no caso, de Escocia, nacionalistas. 

labour

Esta característica do sistema electoral británico fai que grandes temas como o Brexit ou a independencia de Escocia teñan un enorme peso na decisión que hoxe tome o electorado á hora de depositar a súa papeleta.

Así é que todas as formacións están a pedir o coñecido como "voto táctico". Por exemplo, nos últimos días o líder do Partido Conservador en Escocia, Jackson Carlaw, pediu a acumulación do voto unionista na súa formación para que "Nicola Sturgeon escoite dunha vez por todas" na cuestión da independencia.

indyref2

Porque o Partido Nacional Escocés (SNP, polas súas siglas en inglés) que Sturgeon lidera ten, segundo as enquisas, grandes posibilidades de conseguir unha contundente vitoria que lle daría máis e maiores argumentos para esixir ao Goberno británico -a Scotland Act de 1998 impide a unilateralidade- a convocatoria dun segundo referendo de independencia, o popularmente coñecido como indyref2

sturgeon

Na primeira consulta, en 2014, o 'non' gañou con 55% dos votos. Non obstante, Escocia tamén votou pola permanencia na Unión Europea, o que podería facer aumentar as reclamacións por parte da cidadanía escocesa dun novo referendo que os arrede do Reino Unido ao tempo que os manteña dentro da UE. Isto traduciríase nos comicios de hoxe nun maior apoio ao SNP.

Con todo, as sondaxes tamén indican unha tendencia á alza nas últimas datas dos conservadores e do unionismo. O domingo, o Sunday Times Scotland dáballe 39% do voto ao SNP, un punto menos que hai un mes, e 29% -un punto máis- aos tories (os conservadores). 

Esa mesma sondaxe recollía un aumento de dous puntos, até 53%, do apoio á permanencia no Reino Unido. En calquera caso, as diferenzas son mínimas, razón de máis para poder cualificar estes comicios como os máis  importantes da historia moderna para Escocia e o seu futuro.

Saída da UE

Dentro da dinámica do "voto táctico" tamén se explica a decisión do Partido do Brexit de Nigel Farange, que de gañar as pasadas eleccións europeas con máis de 30% dos votos, nestes comicios pasará a ser irrelevante. O líder da formación populista tomou a decisión de non presentar candidaturas nas circunscricións onde en 2017 gañou un torie e, polo tanto, parte como favorito. 

O argumento esgrimido é que a competición por ese voto favorecería as formacións partidarias de permanecer na UE. Entre estas está o Partido Laborista de Jeremy Corbyn, que entre outras opcións baralla convocar un segundo referendo. 

O Sinn Féin e a aritmética parlamentaria 

Pola contra, unha maioría absoluta conservadora traduciríase na saída da UE o 31 de xaneiro, cun período de transición até finais de 2020, tempo no que Johnson prometeu continuar e finalizar con éxito a negociación con Bruxelas sobre a futura relación comercial.

sinn-fein

Mais é probábel que Johnson non chegue á maioría absoluta. Unha maioría absoluta supeditada ao Sinn Féin. A súa tradicional postura de presentarse ás eleccións para Westminster nos distritos de Irlanda do Norte, mais non ocupar os escanos gañados afectará a aritmética parlamentaria. Así, aínda que tecnicamente a maioría está en 326 podería baixar. Nos últimos comicios, o Sinn Féin logrou sete representantes.

De non chegar a esa maioría, sería case imposíbel que Boris Johnson puidese formar Goberno, dado que o resto dos partidos con representación en Westminster son contrarios ao Brexit. Nese escenario, Isabel II, raíña e xefa do Estado, encargaría a tarefa a Corbyn, que tampouco o tería fácil

Mentireiro vs. terrorista

Un Corbyn que no caso dunha vitoria folgada por parte dos conservadores previsibelmente duraría pouco á fronte do Partido Laborista. A formación referente da esquerda entraría así nun debate interno sobre a necesidade ou non de virar cara ao centro -como na época do ex primeiro ministro Tony Blair- ou manterse nas posicións actuais.

corbyn

Porque se o electorado ten a Johnson por un mentireiro simpático, no estilo de Donald Trump, en Corbyn calla a imaxe dun "socialista radical". 

O tabloide The Sun, o xornal máis lido do Reino Unido, leva varios meses vinculándoo co IRA polos seus contactos co Sinn Féin nas décadas de 1980 e 1990. O antetítulo "terrorist symphatizer" encabeza moitas das súas continuas "exclusivas".

comentarios