Brasil investigará casos de xenocidio e delitos ambientais na maior reserva indíxena do país

Segundo o Ministerio dos Pobos Indíxenas, 99 crianzas yanomami faleceron por causa do avance da minaría ilegal durante 2022.

Mineiros ilegais abren un camiño en Terra Indíxena Yanomami, a maior reserva indíxena do Brasil. (Foto: Greenpeace)
photo_camera Mineiros ilegais abren un camiño na Terra Indíxena Yanomami, a maior reserva indíxena do Brasil. (Foto: Greenpeace)

O ministro de Xustiza e Seguridade Pública do Brasil, Flávio Dino, ordenou a apertura dunha investigación sobre delitos de xenocidio e delitos ambientais na reserva indíxena Yanomami, no estado de Roraima, na fronteira entre Venezuela e o Brasil, segundo un comunicado que a institución emitiu este sábado, 22 de xaneiro.

“O presidente Lula determinou que as leis se cumpran en todo o país. E iso imos facer en relación ao sufrimento criminal imposto aos yanomamis. Hai fortes indicios do delito de xenocidio”, asegurou o ministro.

A reserva indíxena Yanomami, a máis grande do Estado brasileiro, viuse afectada pola invasión dos mineiros. Segundo o Ministerio dos Pobos Indíxenas, 99 crianzas yanomami, de entre un e catro anos, faleceron por causa do avance da minaría ilegal na zona durante 2022. O ministerio estima que, en total, 570 nenas e nenos morreron a causa da contaminación por mercurio, desnutrición e fame. Ademais, confirmáronse 11.530 casos de malaria, que afectaron principalmente a indíxenas maiores de 50 anos, seguidos de adolescentes e crianzas de 5 a 11 anos.

Grave situación de desnutrición

O mandatario do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, visitou Roraima logo de recibir “información sobre a grave situación de desnutrición das crianzas yanomami” e criticou o abandono e o tratamento inhumano que sufriron os habitantes orixinarios durante a administración anterior, baixo o Goberno de Jair Bolsonaro.

O que vin aquí é inhumano. Sinceramente, se o expresidente que deixou a Presidencia estes días en vez de facer tanto ‘rally’ de motos tivese vergoña e viñera algunha vez aquí, quen sabe, esta xente non quedaría tan abandonada como está”, expresou o xefe de Estado despois de visitar o hospital indíxena e a Casa de Apoio á Saúde Indíxena en Boa Vista.

Nese sentido, prometeu “tomar en serio” a loita contra a minaría ilegal e asegurou que lle dará prioridade á atención da saúde e o transporte público da poboación.

Comentarios